Data de emisión: 03 xaneiro 2011

AUTONOMÍAS

CONSULTAR TARIFAS

AUTONOMÍAS

HISTORIA

Consta este carné de Autonomías de oito selos que reproducen, ademais do edificio do Tribunal Constitucional, as bandeiras e o territorio ocupado por sete comunidades autónomas. Os ditos selos son autoadhesivos de tarifa A e están destinados a cartas de franqueo ordinario nacional.

O Tribunal Constitucional de España é unha institución cuxa función é a de ser intérprete supremo da Constitución. Está regulado na Constitución española de 1978. É independente dos demais órganos constitucionais e está sometido só á Constitución e á súa lei orgánica.

O Estatuto de autonomía da Cidade Autónoma de Ceuta foi aprobado polas Cortes Xerais mediante a Lei orgánica 1/1995, do 13 de marzo. A súa bandeira está xironada de branco e negro e no centro figura o seu escudo.

Estremadura viu aprobado o seu Estatuto de autonomía en 1983, aínda que conta con varias reformas posteriores. A súa bandeira consta de tres franxas horizontais iguais, en orde superior a inferior, mostrando as cores: verde, branca e negra.

Igual ca Ceuta, a Cidade Autónoma de Melilla obtivo o seu Estatuto de autonomía mediante a Lei orgánica 2/1995, do 13 de marzo. A súa bandeira é de cor azul celeste co escudo da cidade no centro.

As Illas Baleares conseguiron o seu Estatuto de autonomía en 1983, aínda que foi substituído en 2007. A súa bandeira está baseada na tradicional señera ou estandarte do rei de Aragón e, sobre un espazo en azul, destaca unha construción acuartelada ou a modo de castelo.

O Estatuto de autonomía da Comunidade de Madrid foi aprobado o 1 de marzo de 1983. A súa bandeira tomou o fondo vermello carmesí do pendón de Castela e as sete estrelas procedentes do seu escudo simbolizan a constelación da Osa Maior.

A Comunidade de Castela e León tamén logrou o seu Estatuto de autonomía en 1983, aínda que foi reformado en 2007. Segundo os artigos 5 e 6 do seu Estatuto a bandeira é cuartelada en cruz. O primeiro e cuarto cuarteis: sobre campo de goles, un castelo de ouro ameado… O segundo e terceiro sobre campo de prata, un león rampante de púrpura, linguado, uñado e armado de goles, coroado de ouro.

De igual xeito, a Comunidade Foral de Navarra obtivo o seu melloramento do Foro en 1982. A súa bandeira, de cor vermella, ten un escudo no centro formado por cadeas de ouro sobre fondo vermello, cunha esmeralda verde no centro de unión dos seus oito brazos de elos e, sobre elas, a coroa real, símbolo do antigo reino de Navarra.