Data de emisión: 15 xullo 2011

CATEDRALES. Catedral de Albarracín

CONSULTAR TARIFAS

CATEDRALES. Catedral de Albarracín

HISTORIA

A serie de emisións de Catedrais dedica unha folla bloque á Catedral do Salvador de Albarracín. Reproduce o selo unha vista da torre do campanario e complétase a folla bloque cunha panorámica do conxunto catedralicio e dos edificios do seu contorno.

Atópase a poboación turolense de Albarracín na beira do río Guadalaviar e a unha altitude de 1.171 metros. Pertence a súa diocese a Teruel-Albarracín e foi declarada a cidade Monumento Nacional en xuño de 1961.

Aínda que a Catedral de Albarracín se asenta sobre os restos dun anterior templo románico, a construción do edificio renacentista que hoxe coñecemos foi iniciado cara a 1530 polo bispo Gaspar Jofré de Borja e concluído cara a 1595, sendo bispo Martín Terrer Valenzuela, quen mandou levantar a torre do campanario. Na construción do conxunto catedralicio interviñeron os mestres Quinto Pierres Vedel, ao que se lle debe a construción da cuberta e de varias capelas, e Martín de Castañeda que interveu no coro e na cabeceira do templo. Posúe unha única nave e a cabeceira está formada por unha ábsida poligonal. Ten un claustro que serve de comunicación co Palacio Episcopal e tanto a catedral como o claustro sufriron unha profunda modificación no século XVIII que lles deu a aparencia barroca actual. Dispón o edificio de dúas portas de acceso e do seu interior destacamos o altar maior e o retablo dedicados ao Salvador que lle dá nome a esta catedral. Conta ademais coas capelas da Magdalena, de santo Antonio Abad, de san Sebastián, de las Almas, de santa Ana, do Pilar, cun retablo barroco e unha imaxe da Virxe, e a capela de san Juan Bautista, tamén cun altar barroco. Destacan igualmente do conxunto, o seu coro de cantería gótico-manierista e a portada do claustro, obra de Ezpeleta e Juan López, ademais da capela da Inmaculada Concepción.

O Museo Catedralicio está situado no antigo Palacio Episcopal e nel gárdanse tapices, pinturas, cálices, cruces procesionais, libros, vestimentas e outros obxectos sagrados destinados ao culto e actos relixiosos.