Data de emisión: 04 novembro 2011

EFEMÉRIDES. III CENTENARIO DE LA BIBLIOTECA NACIONAL

CONSULTAR TARIFAS

EFEMÉRIDES. III CENTENARIO DE LA BIBLIOTECA NACIONAL

HISTORIA

A serie Efemérides conmemora con esta emisión o III Centenario da Biblioteca Nacional. No selo reprodúcese unha parte do frontispicio do centro.

Máis de 28 millóns de documentos, entre os que figuran preto de 3.000 incunables e 30.000 manuscritos, compoñen a institución cultural máis antiga de España. Obras únicas como o Poema de Mío Cid (século XIII), o Beato de Fernando I y Doña Sancha (século XI), o Fuero Juzgo (século X) ou a primeira Gramática sobre la lengua castellana (século XV), de Antonio de Nebrija, son algunhas das xoias que garda celosamente a Biblioteca Nacional.

A biblioteca foi fundada por Filipe V, primeiro rei da dinastía dos Borbóns, a finais de 1711 e abriu as súas portas en 1712, na sede situada no pasadizo que unía o Real Alcázar co Convento da Encarnación. Nacía como Biblioteca Real e nos estatutos, redactados catro anos máis tarde, nomeábase ao confesor do rei, Juan Ferreras, bibliotecario maior. En 1761 redactouse unha nova normativa que recoñecía os bibliotecarios como “criados da Real Casa”, cos privilexios que supoñían. Estes empregados debían ter formación teolóxica e xurídica, coñecer o latín, o grego, o hebreo e o árabe, así como historia, arqueoloxía e outras ciencias.

En 1836, a Biblioteca Real deixou de ser unha institución da coroa e pasou a chamarse Biblioteca Nacional, con dependencia do Goberno. Vinte e dous anos máis tarde creouse o Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos e a institución converteuse na cabeceira da rede bibliotecaria. Durante preto de douscentos anos, a biblioteca cambiou de sede en varias ocasións, ata que se construíu o edificio actual, obra do arquitecto Francisco Jareño. O 16 de marzo de 1896 abríase ao público o novo centro situado no madrileño Paseo de Recoletos, con 35 salas e un gran salón de lectura. Desde a aprobación do Regulamento de depósito legal, en 1957, a Biblioteca Nacional recolle todo tipo de documento que fixeron o depósito, xa sexa material sonoro, audiovisual, mapas ou folletos impresos. A magnitude dos seus fondos, formados ao longo destes tres séculos, obrigaron a construír un novo edificio en Alcalá de Henares para darlles cabida a todos eles.

Na actualidade, a Biblioteca Nacional é unha das máis importantes do mundo, está totalmente informatizada e na súa idea está a de ser útil e eficaz para toda a sociedade.