Data de emisión: 12 abril 2011

JUVENIA 2011

CONSULTAR TARIFAS

JUVENIA 2011

HISTORIA

A Exposición Nacional de Filatelia Xuvenil (JUVENIA 2011) ten como sede de esta edición a localidade granadina de Santa Fe. A súa realización será do 12 ao 17 de abril e a exposición quedará instalada no edificio do Pósito de Santa Fe.

Esta XXII edición de JUVENIA, como as anteriores, realizada con periodicidade bienal, vén a constituírse no acontecemento máis importante do coleccionismo xuvenil de selos. O programa, como en anteriores citas, contempla realizar, ademais da exposición, talleres, seminarios e outras actividades destinadas a promover e estimular o coleccionismo filatélico.

JUVENIA 2011 está organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Granadina e, como vén sendo habitual, é unha exposición competitiva na que poden participar rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 21 anos que pertenzan a entidades filatélicas federadas en FESOFI, así como os da federación invitada, co que, ademais de coleccionistas españois, poden participar franceses.

Esta Exposición Nacional de Filatelia Xuvenil, ao igual que outras xa realizadas, imponse como reto dar a coñecer o apaixonante, formativo e variado mundo dos selos entre a mocidade, pois neles están as bases do futuro coleccionismo filatélico. Paralelamente á súa concorrencia en JUVENIA coas distintas coleccións que compiten, estes mozos poderán participar en todas as actividades culturais programadas dentro do marco desta XXII edición, xa sexan charlas filatélicas, visitas guiadas e incluso actos de presentación de selos.

No pasado de Santa Fe hai tres datas claves que quedarán marcadas na súa historia: o 2 de outubro de 1491 finalizan as obras da cidade que o 14 de xullo do mesmo ano fora destruída por un incendio; o 25 de novembro de 1491 prodúcese a sinatura das Capitulacións para a rendición de Granada, e o 17 de abril de 1492 ten lugar a sinatura do documento das Capitulacións de Santa Fe entre os Reis Católicos e Cristóbal Colón, que darán como resultado o Descubrimento de América. Estes tres acontecementos producíronse no Real de Santa Fe. En séculos posteriores a poboación gozou de innumerables privilexios, sendo unha das máis importantes vilas da España do Século de Ouro. Así o testemuña a presenza de conventos e do cabido.