Data de emisión: 04 febreiro 2011

SERIE BÁSICA

CONSULTAR TARIFAS

SERIE BÁSICA

HISTORIA

Catro novos selos de distintos valores compoñen a Serie Básica que anualmente se pon en circulación coa imaxe do rei Juan Carlos I. Esta serie ten como finalidade “cubrir todas as posibilidades de franqueo previstas pola tarifa postal”.

Desde que o 22 de novembro de 1975, Juan Carlos I foi proclamado rei de España, a Serie Básica ilústrase cunha imaxe do monarca que se renova, xeralmente, cada sete ou oito anos. A actual emisión forma parte da quinta serie que comezou a emitirse en 2007 e ten como característica que a coroa real e o valor facial van calados en cor dourada.

Como xefe de Estado, Juan Carlos I cumpre unha serie de actividades que abarcan distintos aspectos da vida política, social e cultural. O seu interese pola Unión Europea quedou patente nas visitas realizadas aos diferentes países que a compoñen e nos discursos pronunciados sobre a importancia desta organización internacional, polo que foi recoñecido coa entrega de numerosos premios internacionais. Pola súa vinculación co mundo intelectual, exerce o Alto Padroado das Reais Academias e mantén relacións cos ámbitos culturais e universitarios. Foi investido doutor honoris causa por máis de trinta prestixiosas universidades españolas e estranxeiras.

Pola importancia que a Serie Básica ten nas administracións postais, moitos países emiten esta serie coas súas propias características. Así, as monarquías caracterízanse por reproducir, xeralmente, a figura dos seus soberanos. Gran Bretaña faino cunha imaxe do perfil da raíña Elizabeth II, Suecia alterna o retrato do rei Carlos Gustavo co da raíña Silvia e Holanda reproduce o busto da raíña Beatriz.

Nos estados republicanos, as imaxes da serie son variadas e de libre elección. En Francia, a máis representada é a Marianne, unha figura alegórica que personifica os símbolos da Revolución Francesa. Con distintas variacións e cambios ao longo dos anos, reproduce a imaxe dunha muller tocada cun gorro frixio que encarna os valores de: “libertade, igualdade, fraternidade”.