Data de emisión: 18 febreiro 2011

VALORES CÍVICOS

CONSULTAR TARIFAS

VALORES CÍVICOS

HISTORIA

Protección ás persoas con discapacidade, Respecto na Rede, Cinto de Seguridade e Mantén limpa a túa cidade son os catro temas que compoñen a serie dedicada aos Valores Cívicos.

Os dereitos e liberdades fundamentais das persoas deben ser desfrutados polas persoas con discapacidade en condicións de igualdade. Por este motivo, os gobernos deben promover, protexer e asegurar o desfrute destes dereitos polas persoas discapacitadas. As Nacións Unidas, na Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, establece unha serie de principios xerais entre os que cabe destacar: o respecto á súa dignidade e autonomía individual, a non discriminación, a igualdade de oportunidades, a inclusión plena e efectiva na sociedade e a accesibilidade ao contorno físico.

O Respecto na Rede é un dos asuntos nos que tomou parte a Unión Europea, lexislando sobre o comportamento que se debe facer do uso da rede informática. As iniciativas diríxense, por unha banda, a protexer os dereitos de autor derivados dos esforzos intelectuais e empresariais e, por outra, a fomentar o uso da rede como plataforma da Sociedade da Información. A responsabilidade, a tolerancia e o respecto son os termos principais que se deben ter en conta.

Abrocharse o cinto de seguridade no momento de subirse a un vehículo é a mellor opción que todos debemos tomar. O obxectivo da súa utilización é minimizar o efecto da colisión e evitar saír despedido fóra do vehículo, logrando deste xeito salvar moitas vidas. Segundo as normas establecidas na Lei sobre Tráfico, o uso do cinto é obrigatorio, tanto para o condutor e copiloto como para os ocupantes que vaian detrás. Así mesmo, establece que para os nenos menores de tres anos que viaxen nos asentos traseiros utilizarase un sistema de suxeición homologado ao seu talle e peso.

“Non o esquezas, por unha cidade máis limpa” é a mensaxe lanzada neste selo que salienta a importancia de manter limpa a cidade. O lugar no que vivimos e o espazo no que nos relacionamos deben gozar do respecto de todos os cidadáns, observándose as pautas de convivencia. Utilizar os contedores de lixo de acordo coas normas previstas para a súa reciclaxe, evitar as pintadas en paredes e portas, facer uso das papeleiras e manter as rúas limpas son algunhas das obrigas da cidadanía.

Os catro selos foron deseñados polo estudio de Jesús Sánchez.