Data de emisión: 13 xuño 2011

VIAS VERDES

CONSULTAR TARIFAS

VIAS VERDES

HISTORIA

Denomínanse Vías Verdes os itinerarios que discorren sobre as antigas infraestruturas ferroviarias que foron acondicionadas con fins ecoturísticos. Na actualidade existen máis de 80 rutas repartidas por toda a xeografía nacional, con distancias quilométricas que varían en función do trazado e séguense acondicionando novos tramos.

O proxecto Vías Verdes iniciouse no ano 1993 para tratar de converter nun espazo de ocio e de deporte ao aire libre os máis de 7.000 quilómetros de liñas de trens que non teñen servizo ou que nunca chegaron a telo por quedar sen finalizar as obras de construción. Ata o momento, abríronse máis de 1.800 quilómetros para uso e goce de camiñantes, cicloturistas e persoas de mobilidade reducida. Unha das características que presentan estes itinerarios é a fácil accesibilidade para todo o público, xa que ao tratarse de terreos sen grandes desniveis poden ser utilizados por todo tipo de deportistas.

Nunha clara aposta polo desenvolvemento sostible e a dinamización do medio rural, nas diferentes rutas estanse potenciado os recursos turísticos de cada zona e estase levando a cabo un labor de rehabilitación das antigas estacións ferroviarias para transformalas en restaurantes, museos, lugares de aloxamento e áreas de aluguer de bicicletas e cabalos. Todos os itinerarios están sinalizados con antigas travesas de madeira das vías férreas e o logotipo específico da organización.

O programa Vías Verdes está coordinado pola Fundación dos Ferrocarrís Españois (FFE) e conta coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, as comunidades autónomas, deputacións, concellos e outros colectivos.

O modelo español expandiuse por outros lugares de Europa e, en 1998, creouse en Namur (Bélxica) a Asociación Europea de Vías Verdes (AEVV), da que forman parte cerca de 60 organizacións de 14 países.

No selo reprodúcese a imaxe dos sendeiristas por un antigo trazado de tren e o logotipo de Vías Verdes.