Data de emisión: 11 outubro 2012

ARQUITECTURA

CONSULTAR TARIFAS

ARQUITECTURA

HISTORIA

A serie Arquitectura reproduce catro museos de distintas épocas e características arquitectónicas que comparten en común a exhibición e conservación de pezas e coleccións e o achegamento do público a estas.

Obra do arquitecto Rafael Moneo Vallés, o Museo Nacional de Arte Romana de Mérida (Badaxoz) foi inaugurado en 1986 polos reis de España. Concibido como un centro de investigación e de difusión da cultura romana, onde se amosan os achados arqueolóxicos da Augusta Emerita, o conxunto consta de dous edificios separados por unha calzada romana e unidos por unha ponte elevada sobre os restos arqueolóxicos. Sitúase fronte ao teatro e anfiteatro e garda un estilo arquitectónico que liga o contido que se expón coa cultura á que fai referencia.

O Museo de Arte Contemporánea de Castela e León (MUSAC) localízase na cidade de León. Construído polo estudio madrileño Mansilla y Tuñón Arquitectos, foi aberto ao público en 2005. Na súa extensión dispón dunha soa planta construída con muros de formigón branco e grandes vidreiras de cores no exterior. O interior distribúese sobre unha gran superficie de espazos comúns, pero diferenciados, que se abren a outras salas e patios propiciando visións lonxitudinais, transversais e diagonais. Foi creado como un museo que responde ás manifestacións culturais do século XXI. Alberga máis de 1.500 obras de artistas nacionais e internacionais.

O Museo de Artes e Costumes Populares de Sevilla, situado no Pavillón Mudéxar da praza de América, inaugurouse en 1973. O edificio construíuse en 1914 e forma parte do conxunto das tres construcións que forman a dita praza, deseñada polo arquitecto sevillano Aníbal González. De estrutura simétrica, responde ao movemento rexionalista que intenta recuperar estilos e materiais doutras épocas, como o neomudéxar. Aos seus fondos etnográficos únense téxtiles, ferramentas agrícolas, instrumentos musicais, cerámica, carteis e litografías de feiras e semanas santas.

O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, en Madrid, abriuse en 1990 como un museo vangardista de arte moderna e contemporánea. O edificio primitivo foi construído por José de Hermosilla e Francisco Sabatini, no século XVIII, como sede do Hospital de San Carlos. Declarado Monumento Histórico-Artístico, en 2005 inaugurouse a ampliación do novo edificio deseñado polo arquitecto Jean Nouvel. Ambas as sedes quedan unidas por pasarelas e por unha praza semipública.