Data de emisión: 09 outubro 2012

CATEDRALES. CATEDRAL DE BARCELONA

CONSULTAR TARIFAS

CATEDRALES. CATEDRAL DE BARCELONA

HISTORIA

Cara a finais do século XIII, a cidade de Barcelona rexistrara tal crecemento comercial e artístico que se fixo necesario substituír a pequena catedral románica por outra máis esplendorosa e de maiores proporcións. As obras concibíronse como unha ampliación deste pequeno templo –edificado, á súa vez, sobre unha igrexa visigoda- no que se seguiu dando culto e foise derrubando por fases, polo que a actual catedral conserva o eixe primitivo.

A Catedral de Barcelona, dedicada a santa Eulalia e á santa Cruz, comezou a construírse en 1298, baixo o reinado de Xaime II e do mandato do bispo Bernardo Pelegrí. De estilo gótico catalán, finalizouse no século XV aínda que a fachada actual, neogótica, se engade a principios do XX. Ten planta de cruz latina con tres naves case da mesma altura, sendo a central o dobre de ancho que as laterais. Os brazos do cruceiro apenas son perceptibles e únense no deambulatorio, por detrás do presbiterio, formando un arco semicircular onde se atopan nove capelas con arcos oxivais. Ao longo das naves laterais dispóñense outras 17 capelas con arcos apuntados nas entradas.

O altar maior, consagrado en 1337, é de mármore e sostense sobre dous capiteis do templo visigodo do século VI. Ao fondo do altar atópase a imaxe da Exaltación da Cruz rodeada por seis anxos, obra realizada polo escultor Federico Marés en 1976.

Debaixo da capela maior está a cripta onde se veneran as reliquias de santa Eulalia, patroa da cidade. De principios do século XIV, está cuberta con bóvedas de cruzaría moi planas.

Acaroado á catedral atópase o claustro gótico construído entre os séculos XIV e XV. Nun dos seus ángulos vai un quiosco cunha fonte, con escenas dedicadas á loita de san Xurxo co dragón. Nos arcos, esveltos e de gran beleza, represéntanse escenas do Antigo e Novo Testamento.

A fachada da catedral permaneceu inacabada ata principio do século XX. De estilo neogótico, foi realizada polos arquitectos Joseph Oriol Mestres e August Font i Carreras, que se inspiraron en debuxos do século XV.

Na folla bloque reprodúcese a fachada neogótica da catedral e o selo enmarca a porta principal.