Data de emisión: 17 xullo 2012

EMISIÓN CONJUNTA ESPAÑA-RUSIA

CONSULTAR TARIFAS

EMISIÓN CONJUNTA ESPAÑA-RUSIA

HISTORIA

Os correos de España e Rusia poñen en circulación unha emisión en común como recoñecemento mutuo ao rico patrimonio artístico e cultural que posúen ambos os países. Os selos están dedicados ao Palacio Episcopal, en Astorga (León) e á Igrexa do Salvador sobre o sangue derramado, en San Petersburgo.

Obra do arquitecto Antoni Gaudí, o Palacio Episcopal de Astorga construíuse entre 1889 e 1915, se ben non se finalizou definitivamente ata a década de 1960. Foi encargado polo bispo Joan Baptista Grau tras o incendio que arrasou a anterior sé episcopal. Gaudí proxectou a obra tendo en conta as construcións do contorno e incorporando o seu selo particular. O exterior é de granito branco e lousa nas cubertas, con catro torres cilíndricas e rodeado por un foso. O palacio presenta un estilo neogótico con aire medieval, con ameas, torres e miradoiros. Destaca o pórtico de entrada polos seus arcos abucinados e os ocos superiores abertos que fan inconfundible o estilo de Gaudí. Conta con catro plantas: soto, planta baixa, planta principal ou nobre -onde se encontran as dependencias do bispo e da institución episcopal, así como a capela- e o último andar ou faiado. As grandes fiestras con vidreiras proporcionan unha gran luminosidade. Este edificio, xa sen función episcopal, alberga na actualidade o Museo dos Camiños ao atoparse na Ruta Xacobea.

A cidade rusa de San Petersburgo foi fundada polo tsar Pedro o Grande a partir de 1703. Chamada, tamén, Petrogrado (cidade de Pedro) e Leningrado (en honor de Lenin), conta entre os seus grandiosos e aristocráticos monumentos coa Igrexa do Salvador sobre o sangue derramado ou Igrexa da Resurrección de Cristo. Este templo, proxectado por Alfred Parland, construíuse entre 1883 e 1907 no lugar onde foi asasinado o tsar Alexandro II e personifica o templo ortodoxo ruso. Conta con cinco cúpulas douradas e esmaltadas en distintas cores, así como con varias cúpulas máis pequenas en forma de cebola e a torre do campanario, cuxa parte inferior está revestida con mosaicos que reproducen os escudos das provincias rusas. Tanto o interior como o exterior están decorados con azulexos e mosaicos de distintas cores, deseñados por recoñecidos artistas rusos. Para as paredes e bóvedas do interior utilizáronse diferentes tipos de mármore e pedras semipreciosas que representan escenas das Sagradas Escrituras. Está considerada como unha das igrexas máis fermosas de San Petersburgo.