Data de emisión: 05 novembro 2012

NAVIDAD

CONSULTAR TARIFAS

NAVIDAD

HISTORIA

Motivo de inspiración para artistas de tódolos tempos, o Nadal encóntrase presente na pintura, a escultura, a literatura, a música e, tamén, nos selos. A primeira serie filatélica dedicada a este tema púxose en circulación en 1955 e apareceu de novo en 1959. Desde entón, e de forma ininterrompida, a filatelia emite anualmente esta serie que, no culto cristián, conmemora o nacemento de Xesús.

Se xa desde tempos remotos se festexaba a festa do Nadal como culto ao solsticio e ao renacer da natureza, no calendario cristián parece que foi o papa Xulio I quen, no ano 350, pediu que se celebrase o nacemento de Xesucristo o 25 de decembro. Durante a Idade Media, e para darlle solemnidade ao festexo, levábanse a cabo representacións populares do misterio acompañadas con cantos de panxoliñas ao son de instrumentos pastorís, como o corno, a pandeireta, o pito e a zambomba. Na actualidade, o Nadal segue sendo unha das festas máis arraigadas na sociedade, na que se mestura o aspecto relixioso coa tradición de convivencia familiar. Tanto nos países de Occidente como en boa parte de Oriente, na época do Nadal é costume engalanar as cidades con luces de coles, grilandas e adornos.

A serie, formada por dous selos, fai referencia ao Nadal ou Natividade con senllas imaxes do pasado e do presente.

O primeiro dos selos reproduce A Adoración dos Reis Magos, unha pintura mural dos séculos XIII e XIV que se encontra na capela de San Martín ou capela do Aceite, na Catedral Vella de Salamanca. Esta capela sitúase aos pés da catedral e os seus muros encóntranse adornados con pinturas policromadas. Nos baixos áchanse os sepulcros de varios bispos, como o de Rodrigo Díaz, situado baixo o citado fresco da Adoración. Xa en 1996, a serie Nadal dedicou un selo ao Nacemento, coa reprodución dunha pintura sobre táboa procedente do Museo Diocesano da Catedral Vella de Salamanca.

A imaxe actual da maternidade, como alusión á Natividade, recóllese no óleo do pintor estremeño J. Carrero. De forma simbólica e a modo interpretativo do tema do Nadal, o autor plasma o abrazo protector e tenro dunha nai ao seu fillo.