Data de emisión: 02 xaneiro 2012

TODOS CON LORCA.- 2012

CONSULTAR TARIFAS

TODOS CON LORCA.- 2012

HISTORIA

Correos emite cinco selos baixo o lema solidario de “Todos con Lorca”. Os ditos selos recrean nas súas imaxes parte do rico patrimonio arquitectónico e artístico que posúe esta localidade murciana, que, tras o recente terremoto, se viu afectado. Con esta emisión Correos quere contribuír a concienciar a cidadanía sobre a importancia da súa recuperación.

O Santuario da Virxe das Hortas garda a imaxe da patroa de Lorca. Existiu alí un convento franciscano que foi o primeiro establecemento lorquino da orde. Este edificio de finais do século XV quedaría destruído en 1653 por unha riada. A mediados do século XVIII concluirían as obras do novo templo e convento, este último estivo activo ata a Desamortización do século XIX.

O Castelo, de orixe árabe, está situado sobre unha elevación desde onde se domina toda a cidade. Conta con dúas torres, a Alfonsina e a do Esporón, ambas as edificacións cristiás foron levantadas entre os séculos XIII e XV.

A casa do concello de Lorca presenta un impresionante e atractivo edificio cuxa decoración de 1678, de resonancias renacentistas, se debe aos escultores Antonio e Manuel Caro, autores dos escudos: real e da cidade; os soportais foron realizados polo mestre Ortiz de la Jara, cara a 1737; a forxa do balcón central realizouna o ferreiro, Agustín Manzano en 1740; e o resto de decoración do edificio, esculturas da Xustiza e Caridade e novos escudos, é de 1739 e débense a Juan de Uzeta.

O Palacio de Guevara ou “Das columnas”, conta cunha bela portada e fachada, eminentemente, barrocas. Este edificio pertenceu ao morgado dos Guevara e foi o impulsor das súas certeiras reformas don Juan de Guevara García de Alcaraz, cabaleiro da Orde de Santiago, quen entre 1691 e 1705, mandaría construír a súa atractiva escaleira principal, a súa extraordinaria fachada e patio.

A Colexiata de San Patricio mostra un monumental edificio, tanto na súa fachada principal como nas laterais, cuxos elementos construtivos visibles denotan motivos propios do renacemento e do barroco. Como calquera edificio da súa magnitude, este foise facendo ao longo do tempo, quedando concluída a súa estrutura arquitectónica en 1714. En anos sucesivos, iniciaríanse obras de decoración, interior e exterior, ata completar a súa aparencia actual.