Data de emisión: 12 setembro 2012

VÍAS VERDES. ANTIGUA ESTACIÓN DE ALCAUDETE

CONSULTAR TARIFAS

VÍAS VERDES. ANTIGUA ESTACIÓN DE ALCAUDETE

HISTORIA

No termo municipal de Xaén e na chamada Vía Verde do Aceite encóntrase a antiga estación de Alcaudete, imaxe que se reproduce no selo. Esta estación, xa sen servizo, foi recuperada como albergue e lugar de recreo para os camiñantes e cicloturistas que transitan polo vetusto trazado ferroviario convertido en vía verde.

Partindo de Xaén e ata o río Guadaxoz, que limita coa provincia de Córdoba, a Vía Verde do Aceite discorre entre 55 quilómetros de paisaxes naturais e campos de oliveiras. O camiño aséntase sobre un firme mixto de asfalto e terra compacta accesible a todo tipo de público e percorre paulatinamente as localidades de Xaén, Torredelcampo, Torredonjimeno, Martos, Vado-Jaén e a estación de Alcaudete, distante a 4 quilómetros da localidade do mesmo nome. Uns quilómetros máis adiante, a Vía Verde do Aceite continúa pola provincia de Córdoba, na chamada Vía Verde da Subbética ou Vía Verde do Aceite II.

O trazado ecoturístico sitúase sobre unha parte da liña ferroviaria construída a finais do século XIX pola Compañía de Ferrocarrís Andaluces. Partindo de Linares (Xaén) chegaba a Ponte Xenil, pasando por Cabra e Lucena (Córdoba). Con esta liña dábaselle saída, cara ao porto de Málaga, á metalurxia e aos produtos do campo, principalmente, o aceite, polo que se lle chamou o tren do Aceite. Desde a súa inauguración, en 1893, e ata os primeiros anos do século XX tivo unha grande actividade; en 1936, a liña foi intervida polo Estado ao atravesar por dificultades económicas e, en 1969, Renfe presentou un proxecto no que presentaba o pechamento do servizo de viaxeiros, a supresión do servizo público de mercadorías e o desmantelamento do treito entre Torredonjimeno e Campo Real. En 1985 deixou de prestar actividade.

Unha década máis tarde, a Deputación Provincial de Xaén puxo en marcha un proxecto de recuperación do vello trazado ferroviario para a práctica do ecoturismo como vía verde, que foi inaugurada no ano 2001.