Data de emisión: 07 maio 2013

CENTENARIOS 2013

CONSULTAR TARIFAS

CENTENARIOS 2013

HISTORIA

Con esta emisión conmemóranse dous centenarios de distintas características, como son: o Centenario da Aviación en Canarias e o Centenario do Club Deportivo Basconia e Baskonia Mani Taldea, de Basauri (Biscaia).

A aparición da aeronáutica nas illas Canarias tivo un significado especial ao establecerse un novo medio de transportes e de comunicacións. Pola súa situación xeográfica en pleno océano Atlántico, as comunicacións no arquipélago canario limitábanse ás procedentes da navegación, polo que a chegada da aviación supuxo un avance significativo para os insulares e para o desenvolvemento económico e social.

O primeiro voo dun aeroplano a motor en Canarias produciuse o 30 de abril de 1913, cando o piloto francés Léonce Garnier e o piloto aeronauta canario Jaime Company Escandell voaron sobre a pista habilitada nos Llanos de Guanarteme, actualmente integrados no municipio das Palmas de Gran Canaria. O avión chegou ata a illa en barco e tratábase dun Bleriot XI fabricado con estruturas de madeira, tubos de aceiro e tea engomada. Alcanzaba unha velocidade de 110 quilómetros/hora. En 1919 chegou a Canarias o primeiro avión polos seus propios medios: o hidroavión de Lefranc. Pero houbo que esperar ata 1924 para que chegasen os primeiros avións que aterraron no páramo de Gando. Cen anos máis tarde, todas as illas contan con infraestruturas aeroportuarias e Canarias é a comunidade con maior número de aeroportos.

O selo, deseñado por Pep Carrió, reproduce o voo do primitivo aeroplano.

En 1913 fundouse en Basauri o Club Deportivo Basconia que agrupaba deportes como o fútbol, o montañismo, o atletismo e a natación, dos que sobreviviron os dous primeiros. A sección de montaña, Baskonia Mendi Taldea, foi un dos clubs máis importantes que veu truncada a súa actividade na Guerra Civil. A partir de 1953 rexurdiu con novas xeracións de montañeiros que realizaron expedicións ao Himalaia, os Andes, os Alpes, os cumes de Euskal Herria e da Península Ibérica.

O centenario equipo de fútbol Club Deportivo Basconia ou Baskonia, de Basauri, é o segundo filial do Athletic Club de Bilbao e un elo máis na cadea de formación da canteira do Athletic. Disciplinado e constante, ao longo dun século viviu a súa época dourada na década de 1950 ao xogar en Segunda División.