Data de emisión: 15 marzo 2013

COCHES DE EPOCA

CONSULTAR TARIFAS

COCHES DE EPOCA

HISTORIA

Catro Coches de Época, de distintas marcas e fabricantes, forman esta folla bloque que lembra algúns dos modelos que marcaron un fito na historia do automóbil e hoxe son obxecto de coleccionismo.

A historia de Mercedes-Benz, compañía de orixe alemá, comeza en 1881, cando os enxeñeiros Daimler e Benz inventaron de forma independente o motor de combustión interna para coches. Con este motor crearon o primeiro coche en 1886. Durante anos as compañías Daimler e Benz foron rivais ata que en 1926 se fusionaron, fundaron Daimler-Benz e comezaron a producir coches e camións da marca Mercedes-Benz. Esta compañía distínguese pola súa calidade e arte no deseño, ao que se une a introdución das tecnoloxías máis avanzadas.

No selo reprodúcese un Mercedes-Benz 190 do ano 1962. Deste tipo fabricáronse diferentes modelos, algúns convertibles.

O Citroën 2CV, coñecido popularmente como “Dous cabalos”, presentouse no Salón do Automóbil de París en 1948. Pensouse como un vehículo para o campo e converteuse no automóbil por excelencia da xente nova e desenfadada. Co teito de lona, convertible e de pouco consumo, foi moi ben acollido en países de todo o mundo. En España comezou a montarse en 1959 na factoría de Vigo. O último 2CV fabricouse en Portugal en 1990.

O Volkswagen Escaravello, chamado oficialmente Wolkswagen Tipo 1 ou Volkswagen Sedán, produciuno a empresa alemá desde 1938 ata 2003. Coche de baixo custo, deseñouse cunha mecánica moi simple, con catro prazas e motor traseiro. Asociouse coa mocidade e na década de 1960 pintáronse con debuxos e rechamantes cores. Actualmente, conta con clubs de seguidores en todo o mundo.

O SEAT 1500 deuse a coñecer na Feira de Mostras de Barcelona de 1963, data que comeza a súa produción ata 1972. Confortable, espazoso e elegante, foi moi ben aceptado e chegou a converterse no modelo preferido dos taxistas. Fabricouno a empresa española SEAT baixo licenza da Fiat italiana.

As tres últimas imaxes dos selos foron cedidas polo Museo da Moto e o Coche Clásico (MMC), en Hervás (Cáceres).