Data de emisión: 11 xullo 2013

EFEMÉRIDES 2013

CONSULTAR TARIFAS

EFEMÉRIDES 2013

HISTORIA

O Val de Arán, situado nos Perineos centrais da provincia de Lleida, está formado por seis pequenos terçons: Pujòlo, Arties e Garòs, Castièro, Marcatosa, Lairissa e Quate Lòcs. A historia deste val estivo marcada pola defensa e as reivindicacións dunha serie de dereitos históricos que conforman os seus sinais de identidade.

Desde ben entrada a Idade Media (1175), os araneses asinaron co rei de Aragón un tratado que lles outorgaba o privilexio de gozar e posuír pastos, bosques e augas. O rei adquiría o compromiso de defendelos de posibles inimigos e os araneses pagaban como tributo un galín (medida equivalente a uns 20 litros de trigo) por casa.

En 1313, os habitantes do val acordaron xurarlle fidelidade ao rei Xaime II para que lles confirmase os seus foros, privilexios e liberdades. O 23 de agosto de 1313, Xaime II, rei de Aragón, Valencia… e conde de Barcelona, outorgou desde Lleida o documento coñecido como Era Querimònia, que recolle toda unha serie de dereitos.

Era Querimònia consta de vinte e dous capítulos. Os primeiros fan referencia a que os araneses terán as súas terras, viñas, casa e árbores froiteiras, así como augas francas para pescar, construír muíños e regar. Posuirán bosques e selvas libres para cortar madeira para as súas casas, o seu uso e conveniencia. Poderán cazar nos bosques e poderán levar a pastar alí os seus animais, así como cortar herba para o inverno. Outros capítulos fan referencia a: os dereitos comunais; o exército do rei; os delitos e penas; os notarios e o salario dos xuíces, entre outros. De especial importancia é o punto referido ao dereito de retracto xentilicio, polo que se calquera home quere vender unha propiedade ten que ofrecérllela primeiro aos seus irmáns e parentes. Outro capítulo curioso é o relativo ao réxime de participación económico-conxugal, cos dereitos e particións dos consortes. Os privilexios da Era Querimònia mantivéronse, se ben de forma parcial.

Coa chegada da democracia e a Lei de 1990 do Parlament de Catalunya restauráronse parte dos dereitos históricos do Val de Arán.

No selo reprodúcese un fogatge ou galín e o escudo do Val de Arán.