Data de emisión: 26 febreiro 2013

Milenio Reino de Granada 1013 - 2013

CONSULTAR TARIFAS

Milenio Reino de Granada 1013 - 2013

HISTORIA

Ao cumprirse o Milenio do Reino de Granada ponse en circulación un selo que conmemora a creación deste reino independente no ano 1013.

Tras o derrubamento do Califato de Córdoba, da dinastía omeia, a partir de 1009, os territorios de Al-Andalus dividíronse en pequenos estados de existencia efémera chamados reinos de taifas. Un destes primeiros reinos foi o de Granada, fundado no ano 1013 polo musulmán bérber Zawi ben Ziri. Unha das primeiras accións tomadas pola dinastía dos Zirís foi trasladar a capital desde a cidade de Elvira, un lugar de difícil defensa, a Granada, entón un lugar sen demasiada importancia. A elección de Granada como capital do reino foi debido á súa boa situación e rica veiga, o que facilitaba o abastecemento da poboación.

A dinastía dos Zirís abarcou desde 1013 ata 1090 e nas Memorias deixadas polo cuarto e último soberano Zirí pódese ler: “E contemplaron unha fermosa chaira, chea de regatos e de arboredos, que como todo o terreo circundante, está regada polo río Xenil, que baixa de Serra Nevada. Contemplaron así mesmo o monte no que hoxe se asenta a cidade de Granada, e comprenderon que era o centro de toda a comarca”.

Tras preto de 150 anos de guerras, primeiro con almorábides e máis tarde con almohades, Granada engrandeceríase coa chegada da dinastía do reino Nazarí, desde 1232 ata 1492, que lles foi entregada aos Reis Católicos. Durante este período, levantáronse os palacios, os xardíns, os estanques, os centros de estudo e as estreitas calellas que lle deron á cidade a fisionomía urbanística que hoxe coñecemos. Alí floreceron as ciencias, as artes e as letras e conviviron en perfecta harmonía árabes e xudeus.

Coa chegada dos reis cristiáns continuou a expansión artística e cultural da cidade. Construíuse a catedral renacentista, conventos e igrexas. O emperador Carlos V edificou un palacio dentro do recinto da Alhambra e fundou a universidade, á que acudiron os máis ilustres mestres do momento.

En 1984, o palacio da Alhambra, o Xeneralife e o barrio do Albaicín da histórica cidade de Granada foron declarados Patrimonio da Humanidade.