Data de emisión: 21 marzo 2013

PATRIMONIO MUNDIAL

CONSULTAR TARIFAS

PATRIMONIO MUNDIAL

HISTORIA

O Real Mosteiro de San Lorenzo do Escorial foi declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco, en 1984. Na folla bloque que forma esta emisión reprodúcese unha vista xeral do conxunto monumental e no selo a moeda conmemorativa dedicada ao Real Mosteiro.

A construción do Mosteiro do Escorial débese ao rei Filipe II como recoñecemento pola vitoria na batalla de San Quintín, que tivo lugar o día de san Lorenzo de 1557, e para erixir un mausoleo en memoria dos seus pais e del mesmo. Na elección do lugar incidiu a proximidade da corte, que se fixara en Madrid en 1561, e a abundancia de auga, madeiras, canteiras e amplitude de horizontes. O rei encargou a rexencia do mosteiro á orde relixiosa de san Xerónimo e encomendoulle as tarefas arquitectónicas a Juan Bautista de Toledo, que foi nomeado arquitecto real.

O mosteiro comezouse a construír o 23 de abril de 1563, baixo a dirección de Juan Bautista de Toledo e tras a súa morte, catro anos máis tarde, foi continuado polo seu discípulo Juan de Herrera, quen modelou o edificio na forma actual e creou un novo estilo caracterizado pola sobriedade, a nudez decorativa e o rigor xeométrico, ao que se chamou “Estilo Herreriano”. As obras finalizaron en 1584.

O conxunto arquitectónico do Escorial, de grandes proporcións e forma rectangular, estrutúrase en distintas dependencias, entre as que destacan: o patio dos Reis, a basílica, o panteón dos Reis, o panteón dos Infantes, o palacio dos Borbóns, o palacio dos Austrias, a sala capitular e a biblioteca.

No panteón dos Reis, recuberto con mármores e bronces, descansan os restos dos monarcas e das nais de reis. Os restos das demais persoas da familia real encóntranse no panteón dos Infantes.

O palacio dos Austrias -onde viviu Filipe II ata a súa morte e desde onde dirixiu a política das súas extensas posesións- está construído arredor do presbiterio da basílica. O dormitorio real sitúase xunto ao altar maior, cunha fiestra que lle permitía ao monarca seguir a misa en caso de enfermidade.

Decorado con pinturas, frescos e esculturas dos máis afamados artistas, o interior do Mosteiro do Escorial constitúe un auténtico museo que se enriqueceu co paso dos anos e dos diferentes reis.