Data de emisión: 02 xaneiro 2013

TURISMO 2013

CONSULTAR TARIFAS

TURISMO 2013

HISTORIA

O Turismo, unha das principais fontes de ingresos económicos en España, é o protagonista desta emisión formada por un selo autoadhesivo de tarifa válida para o franqueo da correspondencia ordinaria internacional.

O despegue do turismo en España produciuse na década de 1960 debido, principalmente, á mellora nas infraestruturas e ao incremento do poder adquisitivo da clase media. Para promover o sector creouse, en 1962, a Subsecretaría de Turismo e pouco tempo despois o Instituto de Estudos Turísticos e a Escola Oficial de Turismo, onde se formaron os profesionais de turismo que tanto influíron no desenvolvemento do sector.

En 1982, o Goberno propuxo a creación dunha nova imaxe para a promoción do turismo no estranxeiro e o pintor Joan Miró deseñou o famoso cartel coñecido como “O Sol de Miró”. Este logotipo foi cedido gratuitamente ao Goberno e desde 1984 utilizouse pola Secretaría Xeral de Turismo en todos os seus catálogos, carteis e publicacións. Segundo os expertos, este cartel é o que mellor soubo plasmar a imaxe turística de España.

A principios de 2010, presentouse o novo logo oficial “I Need Spain” (Necesito España), no que se segue utilizando “O Sol de Miró”. Con este novo deseño quérese renovar a imaxe de marca de España asociándoa, por unha parte, a un estilo de vida como elemento diferenciador do turismo neste país e, por outra, á carteira de produtos que se queren promover.

A filatelia, facéndose eco da importancia do sector turístico emitiu, en 1990, o selo dedicado ao “Ano Europeo do Turismo”, que reproducía o famoso deseño de Joan Miró.

O selo actual ilústrase co logotipo oficial do Instituto de Turismo de España (Turespaña), “I Need Spain”. Este organismo está encargado da promoción de España no estranxeiro.