Data de emisión: 15 xaneiro 2013

V CENTENARIO DE LA PROMULGACIÓN DE LAS LEYES DE BURGOS

CONSULTAR TARIFAS

V CENTENARIO DE LA PROMULGACIÓN DE LAS LEYES DE BURGOS

HISTORIA

Con motivo do V Centenario da Promulgación das Leis de Burgos, emítese un selo no que aparece unha imaxe de Cristóbal Colón, descubridor de América, un parágrafo do texto e o mapa do continente americano ao que se lle aplicaron as normas xurídicas.

Tras a conquista do Novo Mundo, en 1492, e malia ter sido recoñecidos os indíxenas como homes libres, producíronse abusos e maltratos contra estes. Frei Antón de Montesinos, da orde dos dominicos, denunciou publicamente estes feitos, o que provocou que o rei Fernando o Católico convocara aos máis importantes xuristas e teólogos da época para tratar a cuestión.

En 1512, e presididas polo bispo Juan Rodríguez de Fonseca, tiveron lugar en Burgos diversas reunións que deron como resultado as Ordenanzas Reais para o bo rexemento e tratamento dos indios. Coñecidas, tamén, como Leis de Burgos, foron aprobadas o 27 de decembro de 1512 e constitúen as primeiras normas que recollen as bases de convivencia entre os españois e os pobos conquistados.

As Leis de Burgos constan de 35 artigos, nos que se establecen os dereitos e as condicións de vida dos indios e a súa relación cos colonizadores. No primeiro punto dise que os indios son libres e como tal deben ser tratados. No segundo sinálase que han de ser instruídos na relixión católica e que a Coroa porá os medios para isto. Outro dos puntos refírese á obriga que teñen os indios de traballar, sen que isto entorpeza a educación relixiosa. Os artigos continúan con asuntos tan importantes como: que o traballo que desenvolvan sexa soportable e teñan horas para descansar; que han de ter casa e facenda propia, así como tempo para o seu cultivo; que han de manter contacto e comunicación cos españois e que han de recibir un salario xusto polo seu traballo, aínda que non fose en diñeiro, senón en vestimentas ou aparellos útiles para as casas.

Considérase que as Leis de Burgos sentaron as bases para a creación dunha nova sociedade e foron precursoras, nalgúns aspectos, do desenvolvemento posterior do Dereito Internacional e do recoñecemento dos Dereitos Humanos.