Data de emisión: 03 xaneiro 2013

Valores Civicos

CONSULTAR TARIFAS

Valores Civicos

HISTORIA

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2013 Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga, tema ao que se lle dedica este selo autoadhesivo da serie Valores Cívicos.

A auga é fonte de vida e un recurso imprescindible para o desenvolvemento do ser humano, a súa saúde e benestar. Sábese que o risco que representa o cambio climático é maior cada día e que a escaseza da auga potable afecta a todos os continentes. A falta de auga e a súa distribución entre os pobos constitúe un dos principais desafíos do século XXI, ao que se enfrontan sociedades de todo o mundo.

Calcúlase que a quinta parte da poboación mundial vive en áreas de escaseza de auga e que un cuarto da poboación total se encontra en países onde carecen das infraestruturas necesarias para transportar a auga desde os ríos e os acuíferos. A escaseza da auga está orixinada non só por causas naturais senón tamén pola acción do home, xa que existe unha distribución irregular, abusos e residuos contaminantes, o que orixina un aumento das rexións con carencia de auga.

A preocupación das Nacións Unidas pola auga como medio para contribuír ao desenvolvemento sostible, o mantemento do ambiente e a erradicación da pobreza e da fame fixo que en ocasións anteriores declarara o Día Mundial da Auga (que ten lugar todos os anos o 22 de marzo) e o Ano Internacional da Auga Doce. Máis recentemente proclamou o Decenio Internacional para a Acción (2005-2015), co lema: “A auga, fonte de vida”.

A declaración de 2013 como Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga quere sensibilizar os países e institucións relacionadas co tema na necesidade de fortalecer a cooperación entre os pobos e concienciar sobre os desafíos que enfronta a xestión hídrica ante as demandas de acceso, xestión de augas fronteirizas, repartición e subministración deste recurso vital para o ser humano.

No selo, recóllese de forma simbólica a idea dun vaso de auga, como consumo individual, que reverte nunha billa invertida, como sinal de escaseza e esgotamento.