Data de emisión: 17 outubro 2014

Infraestructuras civiles. Estación de Ferrocarril. Irún

CONSULTAR TARIFAS

Infraestructuras civiles. Estación de Ferrocarril. Irún

HISTORIA

INFRAESTRUTURAS CIVÍS

O título Infraestruturas Civís acolle un selo dedicado á Estación de Ferrocarril de Irún (Guipuzkoa), última estación da liña ferroviaria Madrid-Irún, que limita coa fronteira francesa.
A historia de Irún e a súa economía atópanse vinculadas co sector servizos e coas actividades relacionadas cos transportes e o comercio transfronteirizo dende que trasladaran alí as aduanas españolas no ano 1841. Dende ese momento, as relacións comerciais entre España e Francia comezan a crecer, e a cidade de Irún tamén o fai na mesma medida na que aumentan os intercambios comerciais. A este feito cómpre engadir a chegada do ferrocarril, no ano 1863, que converte a Irún en estación terminal dos ferrocarrís españois e punto de conexión con Europa.
A liña Madrid-Irún ou liña Xeral do Norte ocupa un lugar de interese na historia dos ferrocarrís españois.O traxecto é de 641,60 quilómetros e chega até a localidade francesa de Hendaia, separada polo río Bidasoa. Esta foi a única das grandes liñas radiais que se construíu dunha vez e pola mesma empresa.
Todo comezou no ano 1856, cando se lle adxudicou a construción da liña Madrid-Irún á Sociedade de Crédito Inmobiliario Español, filial da empresa francesa Sociedade de Crédito Mobiliario Francés, propiedade dos irmáns Pereira. Debido á posición central de Valladolid no percorrido, as obras comezaron de inmediato nesa cidade. Despois de inicialas, no ano 1858, a Compañía dos Camiños de Ferro do Norte de España quedou ao cargo da construción.
O trazado final tal como o coñecemos hoxe dividiuse en tres seccións: de Madrid a Valladolid, pasando por Ávila; de Valladolid a Burgos; e de Burgos a Irún, pasando por Miranda e Vitoria. O paso por Bilbao foi descartado, o que causou presións ante o goberno. As obras desenvolvéronse a bo ritmo e en decembro e 1860 a Compañía del Norte tiña abertos ao tráfico 326 quilómetros de liña.
No ano 1863 chegou o primeiro ferrocarril a Irún e a localidade converteuse en estación terminal dos trens españois. Un ano máis tarde, a liña estendeuse até Hendaia e o 15 de agosto de 1864 inaugurouse o primeiro ferrocarril internacional. Actualmente a estación de Irún dispón dunha rede de trens de curto e de longo percorrido que unen destinos transversais como Cataluña e Galicia, e segue sendo un dos principais puntos de conexión entre o norte e o centro da Península.