Data de emisión: 29 outubro 2015

Arquitectura Rural

CONSULTAR TARIFAS

Arquitectura Rural

HISTORIA

ARQUITECTURA RURAL

É o segundo ano no que a emisión Arquitectura Rural dá a coñecer outra serie de edificacións rurais de diferentes zonas españolas, que destacan polo seu carácter típico e orixinalidade: a masía catalá, a casa grande montañesa e o silo.

Os selos reproducen imaxes destas construcións, que realzan e se integran na paisaxe; o prego Premium incorpora imaxes e textos alusivos, ademais dun espazo para a personalización co nome e apelidos do interesado.

A masía catalá está ligada á agricultura e a gandaría, xeralmente illada e orientada ao sur. As construídas entre os séculos XVI e XVIII, destacan pola súa boa factura e a miúdo teñen reminiscencias do románico, con portas de entrada de doela e ventás polilobuladas, como a que mostra o selo. O máis frecuente é que conten con dous pisos, o primeiro dedicado aos labores do campo e o segundo a vivenda. No litoral adoitan ter fachadas máis abertas con soportais e galerías, e en ocasións torres defensivas.

A casa grande montañesa é unha síntese entre a casa tradicional montañesa e a palaciana, que incorpora trazos arquitectónicos e elementos decorativos das diferentes bisbarras cántabras, ademais dos escudos de armas familiares. Afunde as súas raíces nos séculos XVII e XVIII, época na que as grandes liñaxes cántabras se desprenderon das súas actividades militares e se integraron nos novos labores produtivos. En predios agrícolas ou integrados nas vilas, as casas grandes adoitan ter frontispicios, que se prolongan nos extremos da fachada sur ou principal, onde se observan a planta baixa con soportal de arcadas e a primeira coa solaina ou balcón corrido.

O silo como almacén de gran e outros alimentos vénse utilizando dende as civilizacións máis antigas. En Estados Unidos, durante o século XIX, a produción masiva de gran, a forza do vapor e os novos materiais desembocaron na construción de grandes silos, que posteriormente se estenderon a Europa. O material, que máis frecuentemente se emprega nestas construcións, a metade de camiño entre a enxeñaría e a arquitectura, é o formigón. En España, as agora chamadas "catedrais esquecidas" comezaron a construírse nas décadas de 1920 e 1930, aínda que o seu auxe se produciu entre os anos corenta e oitenta.