Data de emisión: 13 xullo 2015

Arte Contemporáneo Español. Chillida

CONSULTAR TARIFAS

Arte Contemporáneo Español. Chillida

HISTORIA

ARTE CONTEMPORÁNEA
O escultor Eduardo Chillida toma o protagonismo da serie Arte Contemporánea composta por unha folla bloque. No selo reprodúcese a obra Gravitacións (1986), que forma parte dunha serie de traballos co mesmo título nos que utiliza fragmentos de papeis, que permanecen independentes e unidos con cordas ou argolas. Ao seren independentes os papeis móvense e deixan que o aire circule entre eles, de xeito que gravitan entre si.
Eduardo Chillida (San Sebastián, 1924-2002) é considerado como un dos mellores escultores españois da segunda metade do século XX. Con 19 anos comeza Arquitectura en Madrid, estudos que abandona para dedicarse ao mundo das artes. As regras aprendidas durante os anos de formación, como a relación entre o volume e o espazo, serán de grande importancia para os seus traballos posteriores. En 1948 trasládase a París e realiza as primeiras obras en xeso e terracota influenciado pola escultura grega. En 1950 realiza a primeira exposición en París e un ano máis tarde regresa a Euskadi, onde comeza a traballar na fragua de Manuel Illarramendi, en Hernani, do que aprende a arte da forxa. A primeira peza, "Ilarik", marca o inicio dunha etapa na que traballa o ferro con rebeldía. Anos máis tarde, empeza a experimentar con novos materiais e realiza as primeiras obras en alabastro, granito, formigón e aceiro, dos que este último será un dos seus preferidos.
As esculturas de Chillida caracterízanse polo seu volume e a súa integración nos espazos abertos, que ademais forman parte da rúa e das cidades. Algunhas das máis coñecidas son: "O peite dos ventos", en San Sebastián, composta por tres pezas de 11 toneladas cada unha, que simulan unha estreita relación co mar e o vento; "Monumento aos Foros", en Vitoria; "Berlín", na cidade alemá, ou "Gure Aitaren Etxea", en Gernika, obra monumental de máis de seis toneladas.
Recoñecido internacionalmente e galardoado cos premios máis prestixiosos da escultura e das belas artes, no ano 2000 levou adiante un dos seus soños, a inauguración do Museo Chillida-Leku, en Hernani. Este museo conta cun espazo ao aire libre, onde obra e natureza se integran formando un conxunto.