Data de emisión: 17 setembro 2015

Cine Español. Festival de San Sebastián

CONSULTAR TARIFAS

Cine Español. Festival de San Sebastián

HISTORIA

CINE ESPAÑOL

O Festival de San Sebastián ou Donostia Zinemaldia, en éuscaro, toma o protagonismo da serie Cine Español que se presenta en formato Prego Premium. No selo figura o Pazo de Congresos do Kursaal, sede principal do festival, e unha tira de fotogramas imprimida en foil para darlle maior luminosidade. No exterior do prego inclúese unha imaxe do Premio Donostia, instituído en 1986 como homenaxe ás grandes figuras do cine pola súa traxectoria profesional. Así mesmo, permite personalizar o prego cos nomes e apelidos dos interesados que o solicitaron, no que se integra ademais o deseño dunha claqueta de cine coma se dunha produción audiovisual de rodaxe se tratase.

O sobre de primeiro día presenta a novidade de estar fabricado cun material transparente, que simula unha secuencia de fotogramas relacionados co festival.

Considerado como o certame cinematográfico máis importante de cantos se celebran en España, o Festival de San Sebastián creouse en 1953 como Semana Internacional de Cine. A primeira edición foi impulsada polo comercio local e unicamente se deron premios a películas españolas, das que resultou gañadora dos premios á Mellor Película e ao Mellor Director: La guerra de Dios (A guerra de Deus), dirixida por Rafael Gil. Un ano máis tarde, o Sindicato Nacional de Espectáculos e o Ministerio de Información e Turismo fixéronse cargo da organización e o festival tomou un cariz máis internacional. Daquela, o cine español sufría unha férrea censura e o certame, dalgunha forma, permitiu certa flexibilización e apertura ao exterior.

En 1955, outorgouse a primeira Cuncha de Prata e o primeiro premio a unha película estranxeira, que foi para a italiana Giorni d'Amore de Giussepe de Santis. O ano 1957 foi decisivo para o festival, xa que foi recoñecido internacionalmente coa máxima categoría e se estableceu a Cuncha de Ouro.

Ao longo da súa historia, no Festival de San Sebastián presentáronse en primicia películas como: Vértigo (Vertixe) e Con la muerte en los talones (Coa morte nos talóns) de Alfred Hitchcock, ou Melinda & Melinda e Vicky Cristina Barcelona de Woody Allen. Así mesmo, contou coa presenza de estrelas como Bette Davis, Gregory Peck, Liz Taylor, Robert De Niro ou Meryl Streep, entre unha longa lista.