Data de emisión: 03 febreiro 2015

Coleccionismo

CONSULTAR TARIFAS

Coleccionismo

HISTORIA

COLECCIONISMO

Un conxunto de oito selos autoadhesivos forman o carné dedicado ao Coleccionismo, que se ilustra con obxectos relacionados cos pins, as pipas, a numismática e a filatelia. Nesta portada aparece o emblema da Convención Europea de Coleccionismo (ECC) que, por segundo ano consecutivo, se celebra en Torremolinos. A ECC reúne comerciantes e coleccionistas europeos de distintas especialidades, como fósiles, minerais, tarxetas postais, papel antigo, moedas, billetes e selos para destacar a filatelia e a numismática como artes do coleccionismo que contribúen ao coñecemento da historia, a cultura e a tradición.
Os pins ou insignias son pequenos emblemas ou distintivos que se suxeitan a un lugar visible da roupa mediante enganches ou imperdibles. Na súa orixe utilizáronse como divisas honoríficas polos militares e na actualidade convertéronse en obxectos decorativos, reivindicativos ou de propaganda. Así, partidos políticos, clubs deportivos, bebidas espirituosas, instrumentos musicais ou deseños personalizados son algúns dos motivos que se locen nas solapas, mochilas ou gorras na actualidade.
Un dos obxectos de coleccionismo máis cobizado polos afeccionados ao tabaco picado é a pipa, á que se dedica un dos selos autoadhesivos. Introducírona en Europa os portugueses, que a trouxeron das Indias Occidentais, onde o seu uso estaba moi xeneralizado. As pipas poden ser de distintos tamaños e formas, curvas ou rectas. As máis comúns fabrícanse en madeira, nas variedades de breixo, buxo, pau de rosa ou ébano. As máis elaboradas levan figuras talladas, debuxos e incrustacións.
A numismática, dedicada ao estudo e o coleccionismo das moedas e billetes, achega datos complementarios para o coñecemento da historia. Deuses, reis, figuras ecuestres, animais ou monumentos son algunhas das imaxes que aparecen nas moedas e billetes, que determinan épocas, dinastías e gustos artísticos do momento.
A filatelia, pola diversidade de temas que figuran nos selos, constitúe un relato da historia da humanidade. Entre a longa lista de motivos representados figuran personaxes ilustres, éxitos deportivos, cadros pictóricos, parques nacionais ou pratos típicos de gastronomía: todos eles forman unha secuencia de feitos e acontecementos que contribúen a difundir a cultura de cada país.