Data de emisión: 13 maio 2015

Conjuntos Urbanos Patrimonio de la Humanidad. Segovia

CONSULTAR TARIFAS

Conjuntos Urbanos Patrimonio de la Humanidad. Segovia

HISTORIA

CONXUNTOS URBANOS PATRIMONIO DA HUMANIDADE. SEGOVIA


En 1985, a antiga cidade de Segovia e o seu acueduto romano foron incluídos pola UNESCO no listado de Conxuntos Urbanos Patrimonio da Humanidade. Esta emisión conmemorativa, imprimida en calcografía e formada por unha folla bloque con dous selos, reproduce unha vista aérea da cidade. Os valores filatélicos enmarcan a catedral de Santa María e o famoso acueduto.
As rúas medievais, a muralla, o alcázar, o barrio xudeu, as casas palacianas, os mosteiros ou as numerosas igrexas que se encontran no tramado da capital segoviana son mostra do seu pasado histórico e da súa riqueza patrimonial. Entre estas notables construcións ocupa un lugar preferente o acueduto, símbolo distintivo da cidade. Foi construído a finais do século I ou principios do século II e está considerado como unha das mellores obras de enxeñaría civil en España. Consta de 167 arcos feitos con perpiaños de pedra de granito, unidos sen ningún tipo de argamasa e sometidos a un enxeñoso equilibrio de forzas. Na parte máis alta mide 29 metros e serviu para canalizar e levar a auga dende a serra á cidade.
A catedral de Santa María, de estilo gótico tardío, comezou a construírse en 1525 baixo a dirección de Juan e Rodrigo Gil de Hontañón. Coñécese como "A dama das catedrais" pola grandiosidade que imprime o seu interior. A súa planta é de tres naves con cruceiro, ábsida semicircular na cabeceira e deambulatorio. As vidreiras, o retablo do altar maior, os órganos barrocos, a reixaría e o trascoro neoclásico son os seus elementos máis significativos.
Na cidade encóntrase, tamén, o emblemático alcázar, empolicado no alto dunha rocha, entre os ríos Eresma e Clamores. Puido ser construído por Alfonso VI, no século XI, sobre un castelo árabe. Séculos máis tarde foi ampliado e enriquecido, polo que se converteu na sede real favorita dos Reis Católicos. Os seus chapiteis e teitos de lousa recordan aos castelos centroeuropeos.
Segovia foi durante séculos unha cidade próspera polo comercio da la e a industria dos panos. Na actualidade é un lugar de interese histórico artístico e punto de encontro de múltiples actividades culturais que teñen lugar ao longo do ano.