Data de emisión: 25 setembro 2015

D.O. Protegidas de Galicia

CONSULTAR TARIFAS

D.O. Protegidas de Galicia

HISTORIA

GASTRONOMÍA. DENOMINACIÓNS DE ORIXE PROTEXIDAS

Iníciase unha nova temática dedicada ás Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) que difunde aqueles produtos que contan con esa designación. A emisión terá continuidade nos próximos anos e, nesta ocasión, está dedicada a Galicia e á Pemento de Herbón e o Mexillón de Galicia. Ambos os dous produtos reprodúcense na folla bloque e nos dous selos que a forman.

"Uns pican e outros non", din dos Pementos de Padrón. Todo depende da cantidade de capsicina que conteñan, que é o compoñente que achega máis picante. Este pequeno froito de cor verde foi recoñecido coa Denominación de Orixe Protexida o 1 de xullo de 2009: Pemento de Herbón. A súa produción limítase a unha área da vertente atlántica que comprende un conxunto de vales de reducida altitude, delimitados polos ríos Ulla e Sar, e protexidos por varias serras que illan a zona e proporcionan o clima adecuado para o cultivo. Esta variedade de pemento foi introducida polos monxes franciscanos do convento de santo Antonio de Herbón, do Concello de Padrón, no século XVII, os cales trouxeron as sementes dende o estado mexicano de Tabasco e iniciaron o seu cultivo.

O Mexillón de Galicia, rico en minerais (ferro, fosfato e cinc) e en vitaminas, é un molusco de apreciado sabor gastronómico que admite múltiples receitas. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia iniciou as súas actividades en 1994 co fin de fomentar a calidade deste produto tan recoñecido hoxe en día. Pola súa situación xeográfica, as rías galegas constitúen unha contorna especial para a cría do mexillón, xa que concentran unha importante fonte de nutrientes propiciada pola confluencia das correntes oceánicas e fluviais. O cultivo do molusco faise en bateas e, practicamente, a maioría dos produtores e das empresas que comercializan o mexillón, tanto fresco coma transformado, encóntranse adheridas á Denominación de Orixe.

En 1945 fondeouse a primeira batea na ría de Arousa. Uns anos máis tarde converteuse nun cultivo de gran desenvolvemento no mundo da acuicultura e nun dos recursos económicos máis importantes para as vilas da zona.