Data de emisión: 23 xaneiro 2015

Disello

CONSULTAR TARIFAS

Disello

HISTORIA

DISELLO

Máis de 2.800 debuxos de selos presentáronse ao I Concurso Nacional de Deseño de Selos "DISELLO" convocado por Correos. O concurso tivo como finalidade achegar a filatelia aos cidadáns e facelos partícipes de demostrar as súas dotes artísticas mediante o deseño dun selo. Os bosquexos gañadores nas dúas categorías convocadas: xeral e xuvenil, son os que se reproducen nesta emisión.
No certame concursaron máis de 1.800 participantes de toda España, que presentaron máis de 2.800 debuxos cargados de orixinalidade. O xurado estivo composto por deseñadores de recoñecido prestixio que, para elixir ao gañador, tiveron en conta os preto de 28.000 votos recibidos por Internet.
Na categoría xuvenil, entre 12 e 17 anos, o tema foi o "Ano Internacional da Luz", tal como declarou Nacións Unidas o 2015. Nesta modalidade concursaron 400 debuxos e o primeiro premio foi para Minerva García Méndez, de Oviedo, pola súa obra titulada «Año de la Luz» (Ano da Luz). A autora quixo recoller na imaxe a importancia que a luz ten na vida cotiá e máxime agora co desenvolvemento emerxente das novas tecnoloxías de comunicación; plasmou no seu debuxo un mozo cun soporte multimedia que expande un luminoso feixe de luz sobre o seu rostro.
Na categoría xeral, para maiores de 18 anos e temática libre, presentáronse 2.400 creacións. Moitos dos deseños fan referencia a conceptos universais e de actualidade, como a ecoloxía, o medio ambiente, a loita contra as enfermidades, a cultura ou o amor. Entre os concursantes figurou un público heteroxéneo, como novos deseñadores, profesionais do debuxo, profesores e afeccionados ao mundo da fotografía. O primeiro premio foi outorgado a Andrés Molina Arribas, de Madrid, pola súa obra «Buenas noticias» (Boas novas).
Ademais da difusión da filatelia, o concurso DISELLO convocado por Correos deixou ao descuberto que os selos son moito máis que un sistema de franqueo: «Son un estupendo soporte para contar historias, expresar emocións e transmitir ideas».