Data de emisión: 06 febreiro 2015

Efemérides

CONSULTAR TARIFAS

Efemérides

HISTORIA

EFEMÉRIDE


Tres selos da serie Efeméride, nos que se inscribe a "ñ" da Marca España, recordan distintos acontecementos que forman parte da historia do país.
O selo dedicado ao 250 Aniversario do Real Colexio de Artillaría (1764-2014) conmemora a fundación desta institución académica na cidade de Segovia. Chamada máis recentemente Academia de Artillaría, constitúe o centro de formación de oficiais máis antigo de España. Por el pasaron máis de trescentas promocións de artilleiros, entre os que figuran destacados mandos do Exército español. Na súa orixe o colexio tivo como sede o Alcázar, ata que o incendio de 1862 obrigou ao seu traslado ao convento de San Francisco. Ao longo destes 250 anos de historia, a Academia de Artillaría soubo adaptarse en todo momento ao progreso e a evolución, polo que desenvolveu un importante labor en I+D+i relacionado co armamento.
No selo contraponse unha imaxe cos uniformes de artilleiros do século XIX fronte a outra que reproduce unha batería actual en acción.
En 1814 nacía en Reus Juan Prim, militar e político liberal a quen se dedica este selo no 200 aniversario do seu nacemento. Como militar participou na primeira guerra carlista, na guerra de África e na expedición española a México. De ideas progresistas, proclamou o manifesto "España con honra" en colaboración con Práxedes Mateo Sagasta e Manuel Ruiz Zorrilla, polo que se converteu nun dos homes máis influentes do momento. Entre outros cargos públicos, ocupou o Ministerio da Guerra e foi presidente do Consello de ministros. Así mesmo, propuxo a entronización de Amadeo de Saboia. Morreu en Madrid, en 1870, tras sufrir un atentado.
O selo ilústrase cun gravado do xeneral Prim. Nun plano secundario aparece unha rosa pintada en acuarela, símbolo de Reus, a súa cidade natal.
O selo dedicado a 500 anos da Sanidade Militar Española rende homenaxe á organización que, dende os Reis Católicos ata os nosos días, desempeñou un papel fundamental de salvamento e axuda médica aos enfermos nas operacións bélicas. Durante a súa longa historia, a sanidade militar mantivo unha constante evolución tecnolóxica e realizou grandes achegas á medicina universal.
O selo toma como base a cor azul do manto da Virxe do Perpetuo Socorro, patroa da sanidade militar. As siluetas dos soldados nos campos de batalla, os vehículos de auxilio e o símbolo da cidade de Granada, onde se celebra unha exposición sobre o tema, completan a composición.