Data de emisión: 18 setembro 2015

Efemérides.S. Agustín de la Florida, Juan Carreño de Miranda

CONSULTAR TARIFAS

Efemérides.S. Agustín de la Florida, Juan Carreño de Miranda

HISTORIA

EFEMÉRIDE
Conmemórase o 450 Aniversario da Fundación de San Agustín, na Península da Florida (EUA), coa emisión dun selo autoadhesivo que recorda este feito histórico. O motivo filatélico está composto por dúas imaxes superpostas de Pedro Menéndez de Avilés, fundador do asentamento, que consta dun gravado e dunha fotografía do monumento erixido na súa honra na cidade americana. No fondo, aparece representada a citada península.
Corría o ano 1565 cando Pedro Menéndez, nacido en Avilés en 1519 e morto en Santander en 1574, desembarcou en terras americanas e fundou o primeiro asentamento no que, séculos máis tarde, serían os Estados Unidos de América. O 28 de agosto de 1565, día de santo Agostiño, a súa expedición avistou as costas de Florida e uns días máis tarde, o 8 de setembro, tomou posesión das terras en nome do rei de España e fundou San Agustín. Esta fundación foi seguida por outras moitas na península da Florida.
Pedro Menéndez de Avilés foi capitán xeral da Armada de Indias, adiantado de Florida e gobernador de Cuba no reinado de Filipe II.
En 1614 naceu en Avilés o pintor Juan Carreño de Miranda, ao que se dedica este selo no 400 aniversario do seu nacemento. De familia nobre, trasladáronse a vivir a Madrid cando el aínda era un neno. Aquí comeza a súa formación nos talleres de Pedro de las Cuevas e Bartolomé Román. O seu estilo encádrase no barroco, lixeiramente influenciado por Velázquez, Rubens e Van Dyck, e é un dos pintores máis destacados da segunda metade do século XVII. Especializouse en temas relixiosos, como mostran os cadros de San Sebastián, a Virxe de Atocha e algúns frescos da catedral de Toledo. Polos seus dotes de retratista, foi nomeado pintor de cámara e dedicouse a retratar a familia real e os membros da corte; soubo ademais captar as personaxes con imaxes solemnes, austeras, sen recreacións de adornos nin xoias. Seus son varios óleos de Carlos II e da raíña dona Mariana de Austria. Carreño morreu en Madrid en 1685.
Para ilustrar o selo fíxose unha interpretación que toma como referencia o retrato de Juan Carreño, pintado por Gonzalo Pérez Espolita en 1957.