Data de emisión: 05 xaneiro 2015

Efemérides. V Centenario Sta. Teresa de Jesús

CONSULTAR TARIFAS

Efemérides. V Centenario Sta. Teresa de Jesús

HISTORIA

EFEMÉRIDES

En recordo do V Centenario do Nacemento de Santa Teresa de Jesús, e tras as pegadas da fundadora das Carmelitas Descalzas, emítese un selo autoadhesivo que reproduce un detalle da escultura da Éxtase de Santa Teresa, de Gian Lorenzo Bernini. Unha parte da emisión preséntase en edición limitada Prego Premium, no que figura unha estrofa do poema Vivo sin vivir en mí (Vivo sen vivir en min).
Teresa de Cepeda y Ahumada (Ávila, 1515-Alba de Tormes, 1582), de nome relixioso Santa Teresa de Jesús, foi filla de Alfonso Sánchez de Cepeda e Beatriz de Ahumada, ambos os dous de nobres familias castelás. Na súa infancia e primeira xuventude tivo afección á lectura de libros de cabalaría e da vida de santos, moi en voga na época. En 1531 o seu pai intérnaa no convento das agostiñas de Santa María de Gracia, onde se educaban as nenas da nobreza e do que tivo que saír por unha grave enfermidade. Pouco a pouco fráguase a súa vocación relixiosa e, en 1535, ingresa por vontade propia no convento das carmelitas da Encarnación, onde profesa en 1537. Novamente cae enferma e volve á casa do pai para recibir atención médica, as secuelas acompañarana de por vida. De volta á Encarnación, pasa por unha etapa de angustias e loitas internas, ata que en 1554 comezan as súas visións sobrenaturais que a levan á entrega relixiosa e a propoñer a reforma da orde do Carme para devolvela ao antigo rigor monástico.
En 1562 Santa Teresa funda o primeiro convento das Carmelitas Descalzas, chamado San José, en Ávila, segundo os principios de pobreza absoluta que rexen a orde. Durante cinco anos este foi o único mosteiro das Carmelitas Descalzas.
Comeza despois unha etapa de intensa actividade dedicada á oración, a fundación de novos conventos e a loita polo triunfo da reforma. Dende 1567 ata a súa morte, fundou conventos en Medina del Campo, Malagón, Valladolid, Toledo, Pastrana, Salamanca, Alba de Tormes, Segovia, Beas, Sevilla, Caravaca, Villanueva de la Jara, Palencia, Soria e Burgos. Paralelamente intentou a reforma relixiosa da mesma orde masculina en colaboración con San Juan de la Cruz.
A súa vida e evolución espiritual deixounas escritas de forma autobiográfica en obras como: La Vida (A Vida), Las Fundaciones (As Fundacións), Las Moradas (As Moradas) ou Castillo Interior (Castelo Interior). Teresa de Jesús foi declarada beata en 1614 e santa en 1622. En 1970 foi proclamada doutora da Igrexa por Pablo VI, polo que foi unha das catro únicas doutoras da Igrexa que existen.