Data de emisión: 31 marzo 2015

Emisión conjunta España-Croacia. Encaje de Bolillos

CONSULTAR TARIFAS

Emisión conjunta España-Croacia. Encaje de Bolillos

HISTORIA

EMISIÓN CONXUNTA ESPAÑA-CROACIA

Como recoñecemento aos valores artísticos e culturais que comparten España e Croacia, os correos de ambos os dous países poñen en circulación unha emisión en común dedicada aos encaixes de palillos. No selo de Croacia reprodúcese un encaixe de Lepoglava e, no español, un encaixe de Sevilla, os dous da primeira metade do século XX. Unha característica da emisión é que os selos aparecen perforados no interior, coma se se tratasen de auténticos encaixes.
Tecidos con fíos de seda, liño, algodón, ouro ou prata, o encaixe naceu e desenvolveuse en Europa e se estendeu por todos os países que conforman o continente. Aínda que non é posible determinar a antigüidade do encaixe, o seu uso xeneralizouse a principios do século XVI, cando este delicado tecido se converteu en parte fundamental do vestiario das cortes europeas. Italia e Flandres especializáronse na fabricación, venda e distribución dos encaixes de moda que, pronto, copiaron outros países.
Ao tratarse dunha das artes decorativas, o encaixe evolucionou ao par que o estilo artístico de cada época xa que se encontrou encaixe veneciano, renacentista, barroco, rococó, modernista, decó ou contemporáneo. Para a elaboración do encaixe de palillos requírese un "mundiño" ou "torta", soportes sobre os que se sitúa o patrón, alfinetes para colocar nos puntos que marcan os patróns, e os "palillos" ou pezas de madeira nas que se enrolan os fíos.
Croacia conta cunha rica historia artesanal de encaixe de agulla e de palillo, e a cidade de Lepoglava, ao noroeste do país, é unha das de maior tradición onde anualmente se celebra o festival internacional do encaixe. A peza reproducida no selo foi realizada por Danica Brösles, de gran renome no seu país.
O encaixe en España aparece referenciado dende finais do século XV e principios do XVI, cando mans artesás crearon un estilo autóctono coñecido como "punto español". O encaixe de Sevilla que aparece no selo foi tecido por Cándida García, profesora que creou novos modelos partindo dos que se realizaban en Andalucía dende o século XVII, chamados encaixes de doce palillos. Os patróns facíanse para cada clienta, reproducíanse unha soa vez e eran asinados por esta creadora.