Data de emisión: 23 abril 2015

Europa

CONSULTAR TARIFAS

Europa

HISTORIA

EUROPA


Marionetas de trapo, osiños de peluche, cabaliños de madeira, balancíns, carruseis de lata, trens articulados e unha morea de xoguetes diversos aparecen reproducidos nos selos da serie Europa, que este ano está dedicada aos Xoguetes antigos. España ilustra o seu selo autoadhesivo coa maqueta dun tren de madeira, que incorpora un lixeiro aroma a piñeiro silvestre.
Un ano máis, e xa dende 1993, as administracións postais que forman parte de PostEurop emiten a serie Europa cun tema en común. Esta serie ten como obxectivo promover e difundir, a través dos selos, os valores históricos e culturais dos pobos europeos. A primeira serie, posta en circulación o citado ano 1993, apareceu dedicada á Arte Contemporánea e os países membros da organización internacional difundiron nas imaxes os seus artistas máis afamados. Dende entón, tratáronse temas que fan referencia a aspectos tan distintos coma: os grandes descubrimentos, a paz e a liberdade, os parques naturais, a auga, o circo, a gastronomía ou os instrumentos musicais, entre outros, o que deu lugar a un abano temático que confire a esta serie o recoñecemento de ser unha das máis coleccionadas e populares do mundo.
PostEurop conta na súa estrutura cun grupo de traballo dedicado á filatelia que se reúne periodicamente para debater sobre os intereses comúns e decidir os temas que aparecen anualmente nos selos. Baixo o tema acordado, cada país ten autonomía para deseñar os seus propios selos, cos que conseguen destacar a súa idiosincrasia, cultura e costumes. Unha norma establecida pola organización é que en todos os selos debe figurar o logotipo de Europa, que simula unha caixa de Correos.
No ano 2002, PostEurop convocou por primeira vez un concurso público para elixir a través de Internet o mellor selo da serie. Dende entón, o concurso popularizouse enormemente e cada ano participan miles de cidadáns de todos os lugares do planeta. A primeira convocatoria, de 2002, tivo como tema O circo e o premio foille outorgado ao correo de Malta. O concurso realizado en 2014 estivo dedicado aos Instrumentos musicais e o país gañador foi Serbia. España ilustrou o seu selo cunha guitarra española e a imaxe duns dos seus grandes mestres, Paco de Lucía.