Data de emisión: 05 xaneiro 2015

Grandes Exposiciones. El primer Picasso

CONSULTAR TARIFAS

Grandes Exposiciones. El primer Picasso

HISTORIA

GRANDES EXPOSICIÓNS

A exposición El Primer Picasso.A Coruña 2015 serve de epígrafe para o selo autoadhesivo que recorda a etapa que o pintor viviu na cidade coruñesa, onde comezou a súa formación artística e onde expuxo as súas primeiras obras en 1895.
A etapa menos coñecida da vida e o desenvolvemento artístico de Pablo Ruiz Picasso (Málaga, 1881-Mougins, 1973) é, sen dúbida, a que pasou na Coruña. A súa chegada produciuse en 1891, cando José Ruiz Blasco, pai do pintor e profesor de Belas Artes, se traslada coa súa familia á cidade galega para ocupar a praza de profesor de debuxo no Instituto da Guarda. De 1891 a 1895, Picasso cursa alí os seus estudos e comeza a debuxar baixo a dirección do seu pai. Nesa etapa pinta viandantes e personaxes populares que encontra nas rúas e no porto. As paisaxes da Coruña, o mar, a xente corrente e os pescadores son as súas principais fontes de inspiración.
A medida que Picasso vai perfeccionando a técnica, o seu pai anímao a que utilice o óleo e o mozo pintor realiza os primeiros lenzos con retratos dos seus achegados. Entre as obras máis destacadas do período de estancia na Coruña figuran: La Niña de los Pies Descalzos [A Nena dos Pés Descalzos], obra mestra do período coruñés, La Pareja de Ancianos (A Parella de Anciáns), El Viejo de la Manta [O Vello da Manta] e o Retrato del Doctor Pérez Costales [Retrato do Doutor Pérez Costales] médico, político e amigo do pai do pintor. A cidade coruñesa supuxo unha etapa importante na vida de Pablo Picasso; alí comezou a formación académica, pintou os primeiros cadros de interese e presentou a primeira exposición da súa longa carreira.
Barcelona, Madrid e París serán os seguintes destinos do grande artista español que, xunto a Georges Braque, deu orixe a unha das vangardas máis importantes e revolucionaria da pintura do século XX: o cubismo.
En 1936, o goberno republicano nomeou a Pablo Picasso director do Museo do Prado e un ano máis tarde, tras o bombardeo de Guernica, pintou a súa obra máis famosa baixo ese título. O cadro simboliza a protesta contra a barbarie e todo o que significa a «disgregación dun mundo entregado aos horrores da guerra».
A obra de Picasso foi obxecto de diversas emisións filatélicas dende 1978. Neste selo reprodúcese a litografía Autorretrato Evocativo, que se encontra na Fundación Picasso, de Málaga. Datada en 1945, cando o pintor contaba xa con 64 anos, plasma a imaxe un novo rapaz, na que se evoca, deste xeito, a súa xuventude.