Data de emisión: 02 xullo 2015

Humor gráfico. Peridis

CONSULTAR TARIFAS

Humor gráfico. Peridis

HISTORIA

HUMOR GRÁFICO.PERIDIS


Por segundo ano consecutivo ponse en circulación a serie Humor Gráfico dedicada, nesta ocasión, a Peridis. Esta temática destaca o labor de todos aqueles debuxantes-humoristas que coas súas viñetas nos levantan un sorriso e nos fan máis divertido o día a día. A emisión consta dunha folla bloque asinada polo propio Peridis.
José María Pérez González, coñecido como Peridis, nace en Cabezón de Liébana (Cantabria) en 1941. Sendo moi neno a súa familia trasládase a Aguilar de Campoo (Palencia), localidade á que se encontra moi vinculado. Estuda Arquitectura en Madrid e tras obter o título académico interésase de forma especial pola recuperación e rehabilitación dos edificios históricos que abundan en España. Como arquitecto, leva a cabo a restauración do mosteiro románico de Santa María la Real, en Aguilar de Campoo; o mosteiro de San Benito, en Valladolid; o convento de Santa Clara, en Hellín e o Teatro Principal de Burgos, entre outros moitos, ademais de dirixir a construción de edificios de nova planta. Apaixonado da arte románica, Peridis foi o maior divulgador deste estilo e presentou e dirixiu para televisión os programas "As claves do románico", "Mover montañas" e "A luz e o misterio das catedrais".
Os traballos de Peridis como humorista gráfico inícianse na década de 1970 en diarios e revistas como Informaciones (Informacións) e Cuadernos para el Diálogo (Cadernos para o Diálogo). En 1977 comeza a publicar no xornal El País, no que continúa colaborando coas súas tiras ou viñetas diariamente. Os seus debuxos caracterízanse polos trazos caricaturescos das personaxes e pola visión crítica e humorística da actualidade política do país e dos acontecementos sociais. Parte destas historietas publicáronse en varios libros, como: Los animalillos políticos de la transición (Os animaliños políticos da transición), De la Constitución al golpe (Da Constitución ao golpe), Del golpe al cambio (Do golpe ao cambio) ou Dios mío, que he hecho yo para merecer esto (Meu Deus, que fixen eu para merecer isto). É autor da novela Esperando al rey (Esperando o rei), pola que obtivo o Premio Alfonso X o Sabio de Novela Histórica. Conta, entre outras distincións, coa Medalla de Ouro da Academia de Belas Artes de San Fernando, o Premio Europa Nostra, asociado á UE pola recuperación do patrimonio histórico artístico e o Premio Mingote de Humor.