Data de emisión: 18 abril 2015

Juvenia 2015

CONSULTAR TARIFAS

Juvenia 2015

HISTORIA

JUVENIA 2015


A Exposición Nacional de Filatelia Xuvenil, JUVENIA, constitúe a mostra máis importante dedicada á promoción e difusión do coleccionismo filatélico entre os nenos e mozos. A edición deste ano ten lugar en Ourense e está dedicada ás augas termais. O selo ilústrase co frontal das Burgas, manancial de termas que se encontra nesta cidade galega, e un grupo de nenos que representan a unión entre os mozos filatélicos. Os selos preséntanse en Prego Premium con simpáticas mensaxes e emoticonos no contorno.
JUVENIA 2015 foi organizada pola Sociedade Filatélica, Numismática e Bitolfílica Miño e conta co patrocinio de Correos e doutras institucións oficiais. A exposición ten lugar no Auditorio Municipal-Pazo de Congresos de Ourense, onde se mostran as coleccións chegadas dende todos os puntos de España pertencentes aos mozos participantes. Durante os días do evento, impártense mesas redondas, talleres de iniciación á filatelia e visitas guiadas á cidade e ás termas. Segundo as normas establecidas, na exposición poden participar os rapaces con idades comprendidas entre os 10 e 21 anos que pertenzan a algunha das entidades filatélicas federadas en FESOFI. As coleccións mellor clasificadas poderán representar a España nas próximas exposicións internacionais.
O primeiro encontro de JUVENIA tivo lugar en Barcelona, en 1971, co nome de "Juve-Hispania 71". Segundo publicacións da época, concorreron un total de cincuenta e oito expositores de toda España e constatouse a importancia do coleccionismo filatélico entre os máis novos, coa realización de charlas e proxeccións de documentais sobre o tema. Anos máis tarde, o certame tomou o nome actual e pasou a ter lugar cada dous anos, sempre en data impar. Moitos daqueles primeiros concursantes son hoxe coleccionistas de primeira orde e representan a España nos certames nacionais e internacionais.
A exposición de JUVENIA 2015, realizada en Ourense, responde á edición número 24ª e é a cuarta vez que recala en Galicia. As anteriores ocasións tiveron lugar en Vigo, nos anos 1973 e 1983, e na Coruña, en 1993.