Data de emisión: 04 novembro 2015

Numismática

CONSULTAR TARIFAS

Numismática

HISTORIA

NUMISMÁTICA 2015
Por segundo ano consecutivo, emítense dous selos da serie dedicada á Numismática. Nesta ocasión reprodúcese o reverso do billete e da moeda de 100 pesetas. Ao sistema de impresión engadiuse cool stamping que simula o metalizado das moedas.
O billete de 100 pesetas dedicado ao pintor cordobés Julio Romero de Torres, estivo en circulación entre 1953 e 1978. No seu reverso tomouse como imaxe o óleo do artista La Fuensanta, que representaba en tons marróns a unha moza sentada que mira directamente ao espectador, cos brazos apoiados sobre un gran cántaro prateado. Sinxela na súa vestimenta, os puntos de luz da obra enfocan o rostro, os brazos e o torso da muller, ademais da parte central do recipiente.
A modelo chamábase María Teresa López e era case unha nena de quince anos, cando Romero de Torres a retrata en 1929. Meses máis tarde, será de novo modelo da súa última obra e a máis recoñecida, La chiquita piconera. Ao contrario do que se podería pensar, arrastrou durante toda a súa vida o calvario das cubilladas e da malicia das xentes que a acusaban de ter sido amante do pintor. Morreu en 2003 aos 89 anos.
O billete realizouse a partir dunha foto en branco e negro, que o propio Romero de Torres fixera do cadro antes de mostralo na Exposición Iberoamericana de Sevilla, en 1929. A partir dese momento non se tivo noticia da pintura ata o 2007, ano da súa poxa en Sotheby's de Londres por máis dun millón de euros. A imaxe da modelo nos billetes de 100 pesetas alcanzou un récord: os case mil millóns de billetes que se emitiron.
A moeda de 100 pesetas que ilustra o selo é do ano 1992 e volveu acuñarse entre 1998 e 2000. A aliaxe é de bronce e aluminio, cun peso de 9,25 gramos e un canto con vinte e dúas flores de lis. Leva a marca de ceca M (Madrid) coroada.
Houbo unha emisión anterior de 1982 a 1990 de 100 pesetas, idéntica á que aparece no selo, pero coa única diferenza de que a cantidade vai en números e non en letras e, ademais, está flanqueada por dous puntos imprimidos. A iconografía é o valor facial da moeda e o escudo de armas que xa ostentaban Afonso XII e Afonso XIII. A tiraxe da peza foi de 22.661.000 exemplares. Esta e outras moedas de 100 pesetas foron coñecidas no argot popular como vinte duros, xa que a denominación informal de 'duro' corresponde a cinco pesetas. Así como as xeracións anteriores á guerra civil falaban en reais, na posguerra fíxose en 'duros'.