Data de emisión: 14 outubro 2015

Patrimonio Artístico. Murales, Joan Miró

CONSULTAR TARIFAS

Patrimonio Artístico. Murales, Joan Miró

HISTORIA

PATRIMONIO ARTÍSTICO

O conxunto formado por unha folla bloque e un selo compoñen a emisión Patrimonio Artístico, que reproduce un dos murais de Joan Miró. Imitando a obra orixinal, a emisión filatélica imprimiuse cun lixeiro esmaltado en cerámica que proporciona un brillo intenso.

O fragmento que se reproduce forma parte do mural do Pazo de Congresos de Madrid, situado no paseo da Castelllana. A obra foi deseñada por Joan Miró e está formada por 7.056 pezas de cerámica, de 20 x 30 centímetros, realizadas polo escultor e ceramista Joan Gardy Artigas. Ocupa unha superficie total de 550 metros cadrados e é o segundo máis grande do mundo, despois do da cidade alemá de Wiesbaden, tamén proxectado por Miró.

O mural instalouse na fachada principal do Pazo de Congresos en 1980. É dicir, 10 anos despois de que o edificio fora inaugurado oficialmente, o 1 de xuño de 1970, polo que era daquela príncipe de Asturias, don Xoán Carlos de Borbón. Miró recibiu por este traballo a medalla de ouro das Belas Artes.

Nacido en Barcelona en 1893, Joan Miró foi pintor, escultor, gravador e ceramista. Influído polo seu pai, estuda Comercio, pero pronto decide dedicarse á pintura e ingresa na Escola de Arte de Francesc Galí (Barcelona), na que descobre as últimas tendencias artísticas europeas. En 1920 viaxa a París e coñece a Picasso e outros pintores, o que dá inicio a unha evolución na súa pintura. Nas súas obras incorpora inquietudes surrealistas e sobre fondos neutros utiliza cores vivas, principalmente vermello, azul, amarelo, verde e negro.

A partir de 1930 comeza a traballar noutros campos, como a escultura, o baixorrelevo e os collages. A guerra civil a pasa en París e pinta o mural El Segador para a Exposición Internacional de 1937. Anos máis tarde regresa a España e comeza os seus primeiros traballos en cerámica, en colaboración co gran ceramista Llorens Artigas. Nas décadas de 1950 e 1960 realiza varios murais cerámicos de gran tamaño para a sede da UNESCO, en París; a Universidade de Harvard (USA) e o aeroporto de Barcelona. Non hai que esquecer a súa produción escultórica. Joan Miró morreu en Palma de Mallorca en 1983.