Data de emisión: 04 xuño 2015

Solidaridad. Programa Mundial de Alimentos

CONSULTAR TARIFAS

Solidaridad. Programa Mundial de Alimentos

HISTORIA

SOLIDARIEDADE


Baixo o título Solidariedade emítese un selo dedicado ao Programa Mundial de Alimentos (PMA). Na imaxe recréase un mapamundi realizado con sementes produtoras de alimentos e unha man cun dobre simbolismo; por unha banda, traballa por un mundo con Fame Cero dotando dos froitos necesarios para a manutención universal, pero que á súa vez tamén é esa man a que recolle o alimento necesario.
O PMA é unha organización de axuda humanitaria que loita contra a fame en todo o planeta. Forma parte do sistema das Nacións Unidas e finánciase por doazóns voluntarias. Fundouse en 1961 co fin de que todos os homes, mulleres e nenos tivesen acceso á alimentación necesaria para levar unha vida activa e saudable, e dende entón non deixou de traballar.
Datos da organización sinalan que cada ano asisten a unha media de 80 millóns de persoas de máis de 75 países. Unha das súas principais tarefas consiste en responder ás emerxencias humanitarias provocadas por desastres naturais, guerras ou conflitos civís, levando os alimentos. Para poder cumprir estes obxectivos encárgase tamén de dotar a infraestrutura e loxística necesaria para o abastecemento en calquera punto do planeta, así como da telecomunicación e interconexión necesarias nestas zonas necesitadas.
O PMA axuda, tamén, ás comunidades máis desposuídas mediante programas de formación, preparándoas para reconstruír as súas vidas e obter a súa propia seguridade alimenticia. O programa de Alimentos por Traballo facilita comida ás persoas a cambio de traballar en proxectos de desenvolvemento que axuden a construír as bases dun futuro mellor. Outros programas, como Alimentos por Capacitación, ensinan costura, apicultura, gandaría e outros temas de interese. A axuda á muller tamén está presente na organización, xa que en moitos lugares do mundo é ela a que cultiva e apaña nos campos.
Con respecto á infancia, o PMA proporciona anualmente alimentos a máis de 20 millóns de nenos nas escolas. Esta medida incentiva as familias para que os seus fillos asistan ás aulas e desenvolvan a súa formación. Reducir a desnutrición e romper co círculo interxeracional de fame-pobreza son outros dos obxectivos desta organización de axuda humanitaria.