Data de emisión: 14 maio 2015

TICS. Redes Sociales

CONSULTAR TARIFAS

TICS. Redes Sociales

HISTORIA

TIC REDES SOCIAIS
As tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e a súa imbricada presenza nas redes sociais forman este miniprego, composto por seis selos hexagonais e unha serie de pictogramas sen valor postal, que representa o abano de relacións sociais que poden manterse na rede.
Enténdese por TIC: "O conxunto de tecnoloxías desenvolvidas que permiten xestionar a información e enviala dun lugar a outro". Inclúen a electrónica como tecnoloxía base para almacenar a información, recuperala, transmitila e recibila en calquera punto. As TIC e a súa aplicación nas redes sociais supuxeron un fenómeno social que revolucionou a actividade empresarial e o xeito no que se comunican os seres humanos. Entre as súas características máis significativas figuran: a instantaneidade, xa que permite transmitir a información no momento no que se produce e enviala a lugares moi afastados; a interactividade, que faculta a comunicación bidireccional entre persoas e grupos que interactúan segundo os seus intereses; e a inmaterialidade ou dixitalización, que converte a información dun elemento físico en algo inmaterial. Mediante a dixitalización pódense almacenar grandes cantidades de información en pequenos dispositivos, como CD, USB ou memorias.
Internet, os teléfonos móbiles de última xeración, o GPS, os códigos de barras, as bandas magnéticas nas tarxetas de crédito, a venda online, o correo electrónico ou as videoconferencias son algúns dos medios que facilitan as TIC á sociedade e ao mundo dos negocios.
Entre as redes sociais existentes, algunhas facilitan a busca e a conexión de persoas en todo o planeta, así como a posibilidade de compartir fotografías e arquivos multimedia. Outras son moi útiles para os usuarios e artistas que se queren dar a coñecer e polas que poden compartir vídeos e deixar comentarios. Os blogs ou cadernos recollen artigos dun ou de varios autores sobre viaxes, cociña, temas educativos ou comerciais, entre outros moitos. Existen, tamén, redes orientadas cara ao mundo profesional, nas que se deixa o perfil de formación e se pode optar a un posto de traballo. As TIC e as novas redes sociais xa forman parte das nosas vidas.