Data de emisión: 10 xullo 2015

Valores Cívicos. Creatividad

CONSULTAR TARIFAS

Valores Cívicos. Creatividad

HISTORIA

VALORES CÍVICOS
Considerados importantes para a convivencia da sociedade, os Valores Cívicos conforman unha serie de principios que todo cidadán debe cumprir e respectar. Solidariedade, responsabilidade, honestidade ou tolerancia, entre outros moitos, son algúns dos valores que fan a unha comunidade máis cívica e respectuosa. A serie filatélica con este título está dedicada á Creatividade, ou facultade que teñen as persoas por crear ou inventar algo diferente.
Xa for en literatura, pintura, cine, ciencia ou arquitectura, a creatividade consiste en desenvolver algo distinto ao habitual. É o xerme dunha idea ou concepto do que xorden novas correntes ou estilos que se aplican a todas as áreas do saber, ben artísticas, literarias, científicas ou filosóficas.
O desexo por inventar ou crear algo novo foi unha constante ao longo da historia e é o que permitiu a evolución da sociedade. Dende as ideas máis sinxelas ás máis orixinais e construtivas, todos contamos con capacidade creadora susceptible de desenvolver. Na infancia, a creatividade móstrase sen complexos a través dos debuxos, os xogos ou nas representacións de teatriños e contos. Porén, co paso dos anos, e xa no aspecto laboral, existe certa inhibición por expoñer propostas creativas que poidan ser de utilidade e de éxito. Por esta razón, algúns colectivos empregan técnicas de dinámica de grupos, onde se expoñen libremente as ideas e se deixa que flúan para clasificar e seleccionar aquelas que poidan ser de interese.
No ámbito artístico, a creatividade permitiunos descubrir a evolución dende as artes rupestres máis primitivas ás vangardas de última xeración. En pintura, escultura, literatura, arquitectura, obras civís, xardíns ou espazos públicos, a creatividade seguiu esta mesma dinámica ao longo do tempo e foi deixando escritos nos anais da historia os nomes propios ou os estilos de cada momento.
O selo autoadhesivo, de tarifa A para o franqueo das cartas nacionais normalizadas, recrea un espazo en branco como sinónimo da capacidade creativa que todos levamos dentro.