Data de emisión: 06 novembro 2015

Vehículos de época. Motos Campeonas

CONSULTAR TARIFAS

Vehículos de época. Motos Campeonas

HISTORIA

VEHÍCULOS DE ÉPOCA. MOTOS CAMPIOAS


A serie 'Vehículos de época' volve este ano a dedicar unha folla bloque ás motocicletas, como se fixo en 2014 coa mítica Harley-Davidson. Nesta ocasión, baixo o título Motos campioas, pódense apreciar tres prototipos de diferentes fabricantes: Bultaco, Garelli e Derby, que foron pilotadas polo gran corredor Ángel Nieto, coas que chegou a gañar 10 títulos. Estes non foron os únicos éxitos mundiais que conseguiu na súa carreira, xa que correndo con Minarelli e Kriedler obtivo outros tres títulos nos Campionatos do Mundo de Motociclismo. A folla bloque vai asinada polo campión Ángel Nieto.
Nacido en Zamora e criado en Vallecas (Madrid), Nieto conseguiu ao longo da súa dilatada carreira, dende 1965 ata 1985, 12+1 títulos mundiais, como a el mesmo lle gusta dicir, pois ten verdadeira fobia ao número 13. Os éxitos repártense entre os 7 conseguidos na cilindrada de 125 cc e os 6 da de 50 cc, aínda que tamén correu en 80 cc e 250 cc. A este palmarés hai que sumar 23 campionatos de España. É considerado un dos pioneiros españois neste deporte e un mestre das novas xeracións de motocicletas.
Os campionatos do mundo de Motociclismo de velocidade en circuíto comezaron no ano 1949. Existiron varias cilindradas, que se foron substituíndo por outras ao longo dos anos, ata chegar á actualidade en que as modalidades son MotoGP para os 1.000 cc. , Moto2 para 600 cc e Moto3 para as de 250 cc. Todas estas motocicletas de competición deben ser prototipos fabricados exclusivamente para esta actividade deportiva.
Este campionato está organizado pola Federación Internacional de Motociclismo, creada en 1904. O calendario anual consta de 18 carreiras, que se disputan en 14 países diferentes. Cada proba consiste en tres días, dous de adestramentos, dos cales sairá a configuración da grella de saída, e un terceiro no que ten lugar a carreira. O gañador do ano en cada modalidade dirímese polos puntos obtidos en todas as probas, cun amplo abano en cada unha delas, que vai dos 25 puntos para o primeiro ata un punto para o décimo quinto clasificado.