Data de emisión: 12 maio 2016

Conjuntos urbanos Patrimonio de la Humanidad. SALAMANCA

CONSULTAR TARIFAS

Conjuntos urbanos Patrimonio de la Humanidad. SALAMANCA

HISTORIA

CONXUNTOS URBANOS PATRIMONIO DA HUMANIDADE. SALAMANCA

Salamanca é cidade declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO dende 1988 e, ademais, está considerada como unha das cidades con maior encanto de toda a xeografía española.

A praza Maior podería ser o punto de partida dun percorrido pola súa zona histórica, que sorprende en todos os recantos. Pode considerarse como o centro da vida social da cidade. Foi construída entre os anos 1729 e 1756, deseñada polo arquitecto Alberto Churriguera. Naceu da necesidade de ter unha praza acorde ás correntes urbanísticas da época, onde se instalou o Concello. Actualmente é o punto de encontro habitual entre habitantes e visitantes da cidade.

Salamanca tamén alberga a universidade máis antiga de España e unha das catro máis antigas de Europa, xunto coa de Bolonia, Oxford e París. A súa orixe está nas escolas catedralicias de época medieval, arredor do ano 1130, e xa no século XVII era considerada a universidade máis prestixiosa do país.

Agocha tamén edificios emblemáticos, como a Casa das Cunchas, de estilo gótico, construída a finais do século XV. Chámase así porque a súa fachada está decorada con máis de 350 cunchas de vieira, distintivo da Orde de Santiago.

Salamanca é coñecida tamén por ter dúas catedrais unidas nun mesmo espazo. A Catedral Vella construíuse nos séculos XII e XIII e posúe un estilo entre románico e gótico. Destacan o seu aspecto exterior, semellante a unha fortaleza, e a Torre do Galo, decorada formando unha especie de escamas. A Catedral Nova comezou a construírse en 1513 e consagrouse 220 anos máis tarde. Chama a atención a súa cúpula con escenas marianas e a súa fachada, cuberta con adornos peculiares, como o famoso e enigmático astronauta.

Xustamente, a vista destas catedrais dende o río Tormes e un primeiro plano da Ponte Romana é a imaxe protagonista da folla bloque que se emite dentro da serie Conxuntos urbanos Patrimonio da Humanidade. Cada un dos dous selos que forman parte da composición enmarca unha das torres das catedrais. Trátase dunha calcografía dunha bela paisaxe da cidade.