Data de emisión: 30 xuño 2016

Dinosaurios

CONSULTAR TARIFAS

Dinosaurios

HISTORIA

DINOSAUROS

Seguindo a serie 'Dinosauros' que Correos iniciou hai un ano, emítense catro novos selos que recollen as imaxes destes seres incribles que desapareceron da Terra hai máis de 65 millóns de anos. Os dinosauros que protagonizan a serie este ano son: o Europelta, que se imprimiu coa técnica chamada impresión lenticular, o Pelecaniminus, cuxa imaxe se estampou con tinta holográfica, o dinosauro coñecido como Proa, presentado nun Prego Premium en 3D e, por último, o Turiasaurus, imprimido con tinta termocrómica que cambia de cor cando se somete a cambios de temperatura.
O Europelta naceu hai 110 millóns de anos aproximadamente e trátase dun tipo de dinosauro anquilosauro, é dicir, acoirazado. Era pequeno, pois non medía máis dun metro de altura, e alimentábase das plantas que crecían na zona lamacenta que era Teruel hai máis de 100 millóns de anos. Xustamente, en Teruel, é onde se encontraron os únicos restos que existen desta especie.
O Pelecaniminus foi un dinosauro terópodo europeo. O único exemplar que existe foi encontrado en Cuenca. A súa lonxitude media oscila en dous metros e o seu peso podía alcanzar os 25 quilos. Este ornitomimosauriano tiña unha cabeza alongada, ao igual que o seu pico, e posuía unha bolsa debaixo, parecida á dos pelicanos, quizais para gardar as presas que capturaba. Tiña máis dentes que outros membros da súa especie, concretamente uns 220. Na parte superior da súa cabeza sobresaía unha pequena crista e seica era omnívoro.
O Proa é un inusual iguanodóntido basal, cuxo trazo máis singular é a presenza dun predentario pico único no seu grupo. Parece ser que era herbívoro e medía entre sete e oito metros de lonxitude. Viviu a mediados do período cretáceo hai uns 112 millóns de anos e os seus restos foron encontrados no depósito da mina de lignito de Santa María, en Ariño (Teruel), en 2010.
O Turiasaurus foi un saurópodo con extremidades grandes e robustas, que viviu a finais do período xurásico hai uns 145 millóns de anos. Parece ser que o Turiasaurus riodevensis puido pesar unhas 40 toneladas e medir uns 30 metros de lonxitude, polo que superaría en tamaño a calquera outro dinosauro encontrado en Europa e se situaría entre os maiores supersaurópodos do mundo.