Data de emisión: 28 outubro 2016

Efemérides. TVE 60 años

CONSULTAR TARIFAS

Efemérides. TVE 60 años

HISTORIA

EFEMÉRIDES. 60 ANIVERSARIO DE TELEVISIÓN ESPAÑOLA

O 28 de outubro de 1956 comezou as súas emisións oficiais Televisión Española, a primeira canle de televisión que se emitiu en España.

Cúmprense polo tanto 60 anos da súa creación e, durante todo este tempo, foi testemuña de todos os acontecementos importantes da historia do noso país.

As primeiras emisións realizábanse dende un estudio na rúa Paseo da Habana, en Madrid, e o sinal só alcanzaba algúns puntos da provincia.

Intervencións do ministro, celebracións relixiosas ou actuacións dos Coros e Danzas foron as primeiras imaxes das que os máis afortunados, aqueles que dispoñían dun aparato de televisión, puideron gozar.

Pouco a pouco, o sinal foi ampliándose para poder chegar a un maior número de persoas, así como tamén se ampliou a programación.

Chegaron rostros que quedaron para a historia da televisión, como Laura Valenzuela e Joaquín Prats; tamén se estreou o primeiro programa de noticias cun servizo de informativos propio, o Telexornal, que hoxe segue a emitirse cada día.

En 1965 estreouse en probas a segunda cadea da televisión pública, á que se trasladaron os programas alternativos, polo que a primeira cadea quedou para aqueles espazos máis xeneralistas, para toda a familia.

Hai que recordar que ata 1989 só existían estas dúas cadeas en España, xa que foi nese ano cando irromperon as televisións privadas no noso país.

Ao longo dos anos son moitos os programas, series ou concursos que se emitiron na televisión pública. Algúns infantís como La Bola de Cristal, de actualidade como Por la mañana, telenovelas como Abigaíl ou Cristal, concursos tan populares como Operación Triunfo ou series entrañables que aínda hoxe seguen en grella, como é o caso de Cuéntame como pasó.

O selo que conmemora este aniversario recolle o pasado e o presente do logo de TVE, que simboliza os cambios vividos nestes 60 anos. Tamén recolle en pequenas imaxes algunhas das cadeas que compoñen a corporación, como Clan, La 2 ou a cadea 24 horas, así como programas como El Tiempo, o Telexornal ou Los Lunnis.