Data de emisión: 09 xuño 2016

Gastronomía.D.O. Protegidas de Castilla - La Mancha

CONSULTAR TARIFAS

Gastronomía.D.O. Protegidas de Castilla - La Mancha

HISTORIA

GASTRONOMÍA: D. O. PROTEXIDAS DE CASTELA-A MANCHA
Dicir que un produto ten "denominación de orixe" significa que está sometido a unha produción localizada nunha zona concreta, cunhas características ambientais únicas e do que se xeran unidades limitadas.
Os produtores que se acollen á denominación de orixe comprométense a manter a calidade do produto o máis alta posible e a seguir os protocolos de produción.
Existen órganos reguladores que vixían para que se cumpran as normas e que autorizan a exhibir a etiqueta correspondente que outorga esa categoría.
Este ano Correos continúa coa serie Gastronomía e emite unha folla bloque dedicada á Denominación de Orixe Protexida de Castela-A Mancha, onde o queixo manchego e o azafrán son os protagonistas.
O queixo manchego. O queixo manchego elabórase con leite de ovella da raza manchega, que se alimenta de pasto durante todo o ano. É sometido a unha maduración mínima de 30 días, para queixos pequenos, e de 60 días para queixos máis grandes. Realízase ben con leite pasteurizado ou ben con leite cru, aínda que, no último caso, debe ir etiquetado como "artesán". Trátase dun queixo de pasta prensada, de codia dura, firme e compacto, cunha cor que vai dende o branco ata o amarelo. O seu olor é intenso e doado de identificar. O seu sabor é algo ácido, forte e moi característico.
O azafrán da Mancha. O azafrán procede dos estigmas da flor que leva o seu mesmo nome, despois de secalos mediante un proceso de tostado a lume lento.
Foi introducido polos árabes na Península Ibérica arredor do século XI. A primeira referencia escrita sobre este produto data do ano 1720.
A importancia do azafrán en Castela-A Mancha vese reforzada por obras de carácter pedagóxico como El azafranero práctico de Jiménez Martín e mesmo deu lugar a un vocabulario propio recollido en traballos como El léxico del azafrán en el habla manchega. O azafrán da Mancha está considerado como o mellor de España e un dos mellores do mundo.