Data de emisión: 10 novembro 2017

Descubridores de Oceanía

CONSULTAR TARIFAS

Descubridores de Oceanía

HISTORIA

DESCUBRIDORES DE OCEANÍA. LUIS VÁEZ DE TORRES E PEDRO FDEZ. DE QUIRÓS
Dous novos selos dedicados a dous grandes navegantes serven para mostrar unha nova técnica de impresión filatélica en papel de madeira, en alusión ao material co que se fabricaban os navíos cos que estes personaxes sucaban os mares en busca de aventuras.
O deseño do selo mostra as siluetas de Luis Váez de Torres e Pedro Fernández de Quirós, coloreadas neste tipo de papel que simula un panel de madeira, coa cor e as vetas típicas deste material.
Tamén, os dous selos unidos comparten unha ilustración da contorna de “Austrialia” que no seu interior se reproduce a primeira páxina do Memorial de 1610 sobre “AUSTRIALIA incógnita”. Ao separalos, cada un deles conservará unha parte do país.
Luis Váez de Torres foi un navegante ao servizo da coroa española que, en 1605, partiu xunto a Fernández de Quirós nunha expedición para descubrir un novo continente no sur e encontraron o estreito que aínda hoxe leva o seu nome e que separa Australia de Nova Guinea, o estreito de Torres.
O seu compañeiro de expedición, o xa mencionado Pedro Fernández de Quirós, portugués ao servizo da armada española, embarcouse rumbo ao continente austral e descubriu a illa hoxe coñecida como Espírito Santo.
Sobre o descubrimento de Australia existiron e existen moitas teorías. Moitos autores asígnanlle a invención da palabra «Austrialia» a Quirós, na crenza de que el nomeou as súas illas «Australia do Espírito Santo», mentres que realmente as chamou «Austrialia do Espírito Santo», en honor aos Austrias que reinaban en España.
Entre os que defendían a teoría de que Quirós descubriu Australia moito antes que Willem Janszoon, Abel Tasman ou James Cook, encontrábase un arcebispo de Sidney de finais do século XIX principios do XX, Patrick Francis Moran, e así se ensinou nas escolas católicas durante moitos anos.
Baseándose nesta crenza, o poeta australiano James McAuley escribiu un poema épico chamado Captain Quiros en 1964, no que mostra a Quirós como un mártir pola causa da civilización cristiá católica.
Os dous selos teñen un valor de 1,35 euros cada un e emitiranse en pregos de 16 selos cada un.