Data de emisión: 20 xaneiro 2017

Huelva. Capital Española de la Gastronomía 2017

CONSULTAR TARIFAS

Huelva. Capital Española de la Gastronomía 2017

HISTORIA

HUELVA. CAPITAL DA GASTRONOMÍA 2017.


Como en anos anteriores, unha provincia do noso país foi elixida como Capital Española da Gastronomía durante o 2017. Este ano, Huelva foi a seleccionada.
Por primeira vez elixiuse unha provincia costeira. O xurado deu o seu recoñecemento á cociña do mar: todos eses produtos que cada madrugada chegan en barcos á lonxa onde son seleccionados para transformarse en exquisitos pratos.
Non podemos deixar de falar da gamba branca, as cadeluchas e ‘puntillitas’, ou os chocos, ingrediente selecto para preparar pratos como as albóndegas.
Porén, Huelva non é só mar: conta con produtos de interior, como o xamón de Jabugo e as chacinas da Serra de Aracena, ademais dos seus famosos amorodos coñecidos no mundo enteiro.
A horta ofrécenos pratos típicos, como os garavanzos con espinacas, as fabas “enzapatás” ou os pratos de caza e cogomelos da zona, como os ‘gurumelos’.
Non todo é comer, tamén Huelva ten uns caldos dignos de mención, como o Viño Laranxa do Condado de Huelva, que posúe a denominación de orixe.
A repostaría tamén nos deixa receitas irresistibles, como a potaxe de castañas, as “poleas” ou os ovos nevados.
Por todo isto e moito máis, Huelva merece levar durante todo este ano a capitalidade gastronómica de España por todo o mundo, e Correos, ao dedicar un selo a este acontecemento, como en anos anteriores, pretende difundir a nosa gastronomía a través dun selo que poderá viaxar e ser escaparate e promoción desta.
O selo que se emite recolle a imaxe do logotipo de Huelva Capital Española da Gastronomía 2017, que forma un abano con algún dos produtos típicos do lugar: o choco, o xamón, os amorodos, as gambas e o viño. Sobre un fondo branco, estes produtos toman todo o protagonismo sobre un trazo de tinta negra, de sepia, que sempre dá un toque de elegancia aos pratos.