Data de emisión: 05 maio 2017

MCCLV Aniversario de la batalla de la Victoria

CONSULTAR TARIFAS

MCCLV Aniversario de la batalla de la Victoria

HISTORIA

EFEMÉRIDES. MCCLV ANIVERSARIO DA BATALLA DA VICTORIA (XACA)

O primeiro venres de maio, cada ano, a cidade de Xaca celebra unha ancestral festa que conmemora a batalla dos ‘Llanos de la Victoria’, acontecida sobre o ano 760 e que enfrontou a mouros e cristiáns.
Como toda festa que recorda o pasado, ten a súa parte de lenda e a súa parte de realidade.
Conta a historia que máis de 90.000 mouros chegaron ata as portas de Xaca coa intención de conquistar a cidade.
Ao mando desta, estaba o conde Aznar Galíndez, que logrou reunir o pobo e animalos para loitar contra o inimigo.
Ao ser o exército invasor moito máis numeroso que os habitantes da vila, estiveron a punto de renderse cando as mulleres do lugar decidiron saír á rúa armadas de utensilios de cociña e unirse aos seus maridos, pais e irmáns, e conseguiron así derrotar o inimigo.
Conta a lenda que os mouros, confundidos polo reflexo do sol en potas e cazolas, pensaron que eran moitos máis os que alí estaban e fuxiron espantados temendo perder a batalla e a vida.
Dende entón, adóitase celebrar un desfile que rememora a entrada do conde Aznar á vila de Xaca tras vencer na batalla.
No século X erixiuse unha ermida, a da Victoria, no lugar onde aconteceu todo.
Por iso, cada primeiro venres do mes de maio, os habitantes de Xaca acoden á ermida cargados de comida e celebran un xantar e unha misa.
Despois, trasládanse ao centro da cidade onde dá comezo o Desfile da Victoria.
Os participantes van ataviados con traxes de época comandados por un veciño que interpreta ao conde Aznar.
Durante o percorrido, lánzanse salvas de trabuco que impregnan de olor a pólvora as rúas de Xaca, adornadas de bandeiras e flores para a ocasión.
O selo, que conmemora o MCCLV aniversario da batalla, recolle unha imaxe dun dos momentos do desfile, xunto a un debuxo do conde de Aznar en primeiro plano.

Carmen Álvarez Casanova